Raimundo González asegurou que “é un fracaso máis da política rastreira do Partido Popular”, xa que a sentenza deriva da denuncia presentada polo PP na Fiscalía que emitiu un escrito advertindo ao Concello do seu pago. A administración optou non tramitar a factura que logo reclamaron os comuneiros no xulgado e lle da a razón.
O concelleiro asegura que a sentenza “é unha emenda á totalidade da marrullería do Partido Popular”.
O concelleiro responsable da xestión dos residuos municipais, Raimundo González deu a coñecer esta mañá a sentenza emitida polo Xulgado de instancia número 2 de Pontevedra en relación á demanda presentada pola Comunidade de Montes de Canicouva contra o Concello de Pontevedra polo impago do cota do ano 2021 derivada do alugueiro dos terreos do monte comunal da parroquia. O xulgado entende que o contrato é legal, e polo tanto obriga a abonar as cotas pendentes máis os intereses polo tempo do impago.
Raimundo González explicou que “baixo o noso punto de vista é un fracaso máis da política rastreira do Partido Popular porque fixo que se correran ríos de tinta por un contrato que supostamente estaba vencido e por pagos irregulares”.
Lembrou que o asunto arranca coa denuncia do Partido Popular en Fiscalía polo pago da factura do ano 2021 na que se presentan denuncias por prevaricación e malversación contra o Concello, “como si isto fose máis ca Gurtel”, indicaba Raimundo González.
“Non había nada”, concluíu o concelleiro. Recordou que a Fiscalía arquivou a denuncia “pero deixou un matiz: entendían que o contrato estaba vencido e o Concello tiña que absterse de facer o pago”. Con esta decisión, o Concello de Pontevedra non tramita a factura do ano 2021 e devólvea aos comuneiros cando a presentan.
Ante esta situación, a Comunidade de montes de Canicouva presenta unha reclamación no xulgado que “vén a dicir que o contrato está vixente e que se pague a factura do ano 2021”.
Raimundo González explicou que “é unha sentenza demoledora” e recordou que “o PP dicía que o contrato estaba extinto, cando a xestión feita polo Concello é impecable. Non pagou polo escrito remitido pola Fiscalía, pero a sentenza dálle a razón ao que dicían os técnicos do Concello”.
Finalmente, o responsable da xestión dos residuos no Concello de Pontevedra aseverou que a resolución do xulgado “non deixa de ser unha emenda á totalidade das manifestacións feitas polo Partido Popular. É unha emenda á marrullería do Partido Popular. E xa que estamos próximos ás eleccións do domingo: estes son os que pretenden gobernar? Pois son os que sementan a discordia, a marrullería e fan unha política rastreira que non debe ter cabida nas circunstancias actuais”.