- A actuación deseñada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible, presentada esta tarde á veciñanza nun encontro que tivo lugar no Mercado de Abastos, responde a unha demanda histórica dos residentes nestes edificios, suporá un investimento duns 150.000 euros e incluirá a dotación dunha zona de estancia e descanso con bancos e árbores de pequeno porte para sombra; un espazo de xogos infantís de estimulación e desenvolvemento da psicomotricidade (con tobogán, cordas, pequenas escadas, saltos…); unha segunda zona de estancia e xogo libre pavimentada, e unha área axardinada presidida por uns macizos de plantas vivaces na confluencia da avenida de Bos Aires con Padre Amoedo, así como a instalación de mobiliario accesible, papeleiras e puntos de recarga
A Concellería de Desenvolvemento Sostible creará un novo parque cunha área de estancia e descanso e un espazo de xogos para os máis pequenos na zona verde situada entre as vivendas sociais da rúa Serra, na confluencia coa avenida de Bos Aires e as rúas Alfredo García Hermida e Padre Amoedo (a carón do Mercado de Abastos). O proxecto contempla a plantación de árbores de pequeno porte para sombra, a dotación de camiños e de mobiliario accesibles e o deseño dun atractivo xardín mediante macizos de plantas vivaces.
O plan foi presentado esta tarde nunha reunión que o concelleiro Iván Puentes e o xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, mantiveron cos veciños da rúa Serra e na que lles puideron amosar algúns planos que permiten proxectar a intervención deseñada. Segundo expuxo Puentes, que tamén estivo acompañado pola parlamentaria socialista Paloma Castro, entre os obxectivos desta actuación inclúense “a xeración dun espazo saudable, para pequenos paseos das persoas maiores e xogos para os cativos; a incorporación de criterios de adaptación ao cambio climático, renaturalización e resiliencia; a mellora da circulación natural da auga da choiva e do sistema de recollida; a instalación dun parque infantil especificamente deseñado para a rapazada máis pequena, e a dotación de luminarias sen contaminación lumínica e que permitan un uso agradable do parque”.
A zona na que se levará a cabo foi o resultado das iniciativas de creación de vivenda social do Estado a mediados do século pasado. Os espazos libres entre as edificacións, cunha urbanización en orixe sen un axeitado remate, carece dos estándares de calidade e estética que a Concellería de Desenvolvemento Sostible vén aplicando na actualidade en novas áreas verdes e parque de Pontevedra. Tal e como indicou Iván Puentes, “foi a propia veciñanza a que nos demandou a creación dun espazo no que poder estender as súas vidas cara ao exterior das vivendas, con zonas de estancia que presten especial atención á terceira idade e posibilidades de lecer orientadas aos máis pequechos, permitindo unha boa convivencia interxeracional”. “Ademais, a actuación debe mellorar as condicións de accesibilidade peonil, adaptándoas á normativa, algo que acadaremos coa construción duns camiños accesibles de formigón de 2,5 metros, en cor harmónica coas fachadas dos edificios, que vertebrarán a comunicación coa avenida de Bos Aires”, precisou o portavoz municipal do PSOE.
A solución técnica contempla a dotación dunha zona de estancia e descanso con bancos e árbores de pequeno porte para sombra, realizada con pavimento gris de formigón varrido e bordos de pedra, en consonancia coa rúa Alfredo García Hermida; un espazo de xogos infantís de estimulación e desenvolvemento da psicomotricidade (con tobogán, cordas, pequenas escadas, saltos…); unha segunda zona de estancia e xogo libre pavimentada (na que mesmo se poderían organizar pequenos actos), e unha área axardinada na confluencia de Padre Amoedo coa avenida de Bos Aires, presidida por uns macizos de plantas vivaces. Iván Puentes avanzou que “o mobiliario será accesible, con respaldos e repousabrazos, e instalaranse papeleiras e puntos de recarga”.
A Xunta xa lle remitiu ao Concello unha proposta de cesión
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible asegurou que, con este proxecto, “vaise cumprir unha demanda vella, case diría que histórica, dos veciños e veciñas da rúa Serra, que desde hai moito tempo nos pedían axardinar e manter en boas condicións esa zona verde”. “Tiña unha dificultade, posto que esas vivendas foron feitas no seu día polo Ministerio da Vivenda e, cando se transferiron as competencias á Xunta, a zona verde nunca se transferiu ao Concello, senón que seguiu a ser propiedade da Administración autonómica (salvo unha parte, propiedade das comunidades de propietarios). Hai un ano tivemos unha xuntanza coa Consellería de Vivenda da Xunta para estudar a súa vontade de cesión ao Concello, como paso previo a poder actuar nel, e a colaboración da Xunta foi total neste sentido: pasounos unha proposta de cesión que está nestes momentos en fase de estudo por parte da Concellería de Patrimonio e da Asesoría Xurídica do Concello”, explicou Iván Puentes.
Non obstante, en paralelo, a Concellería de Desenvolvemento Sostible (que é a que se encargará dese espazo unha vez que estea recibido) elaborou o proxecto de axardinamento que se lle presentou hoxe aos veciños. En opinión de Puentes, a intervención traducirase “nunha mellora estética e de usos moi importante dunha zona que se atopa moi degradada”, incluíndo “un parque infantil singular e de deseño pensado para os cativos”, e nun novo “itinerario peonil que facilitará o acceso desde a ponte de Santiago á Praza de Abastos e a outras actividades que alí se organizan, como o mercadillo de antigüidades”.
“O trámite de aceptación da cesión deste espazo por parte da Concellería de Patrimonio non debería ser demasiado longo e o custe da obra tampouco é especialmente elevado, arredor dos 150.000 euros, polo que será asumida con recursos propios do Concello unha vez que a Corporación que saia das eleccións do 28 de maio aprobe o novo orzamento”, avanzou Iván Puentes.