- O concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembra que tódolos proxectos da estratexia Pontevedra Flúe respaldados pola Dirección Xeral da Costa “foron aprobados polo Pleno de Pontevedra en setembro do ano pasado co voto favorable do BNG e o PSOE, xa que todos eles están incluídos con nome e apelidos dentro da Axenda Urbana de Pontevedra”. “Son proxectos de Goberno, que contan co beneplácito da Corporación Municipal”, asegurou
- Puentes sostén que “se calquera concelleiro, con independencia do seu partido político, consegue traer un investimento como este, o maior deste mandato e dos maiores da historia de Pontevedra, eu apláudolle, colaboro con el e me poño á súa disposición para poder executalo, porque creo que niso consiste gobernar e para iso nos elixen os cidadáns”
“Os 25 millóns de euros comprometidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica destinaranse actuacións que están recollidas, todas elas, na estratexia Pontevedra Flúe, serán financiadas con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, dentro dos fondos que o Ministerio ten concedidos pola UE, dentro do compoñente 5, referido á Preservación do Litoral e Compoñentes Hídricos, a través da súa liña de investimento número 4, de Adaptación da Costa ao Cambio Climático”. Deste xeito definiu esta mañá o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, o grao de concreción da promesa ratificada por carta polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, sobre os seus proxectos para renaturalizar as ribeiras dos ríos Lérez e Verdugo, “co acordo xeral de que Costas financie as obras e as execute directamente, encargándose tamén de tódolos procesos de licitación e adxudicación, e de que o Concello colabore na redacción dos proxectos… E mesmo en dúas actuacións concretas que o Ministerio considera especialmente prioritarias, que son as de renaturalización da parcela do antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio e da Xunqueira de Alba, eles asumirán ademais a redacción dos proxectos, polo que o Concello non gastará nin un só euro”.
O portavoz municipal do PSOE lembrou que tódolos proxectos se desenvolverán en terreos que están en Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT) e que, polo tanto, son propiedade do Ministerio, “polo que non precisan licencia ou autorización de ningún tipo nin trámites previos, posto que xa son deles e Costas investirá os seus cartos en restauralos e en cumprir vellas demandas que ten a sociedade pontevedresa desde hai moitos anos”. “Ademais -aclarou Puentes- son proxectos que non só están contemplados na estratexia Pontevedra Flúe, senón que foron aprobados polo Pleno de Pontevedra en setembro do ano pasado co voto favorable do BNG e o PSOE, xa que todos eles están incluídos con nome e apelidos dentro da Axenda Urbana de Pontevedra. Son polo tanto proxectos de Goberno, que contan co beneplácito da Corporación Municipal, así que non se xestionaron nin por atrás nin por ningún sitio”.

Así mesmo, o concelleiro socialista incidiu en que os proxectos foron definidos “cun traballo discreto” neste último ano e medio en dúas reunións mantidas en Madrid coa Dirección Xeral da Costa e varias co Servizo Provincial de Pontevedra, “que permitiron ir pulindo o que se pode ou non facer en cumprimento coa Lei de Costas e do que a UE lle pide a España para investir os fondos Next Generation”. Iván Puentes amosouse taxativo á hora de valorar a carta de resposta do alcalde a Hugo Morán (nas que acusa aos socialistas de encubrir a suposta inacción do Estado en Pontevedra), encadrándoas nun contexto de campaña electoral: “Se encubrir ao Ministerio para a Transición Ecolóxica é conseguir 25 millóns de euros para que sexan investidos nesta cidade, vou encubrilo todo o que poida durante o tempo que estea neste Concello. Sei que o alcalde quere o mellor para Pontevedra e, ao igual que votou a favor destes proxectos cando votou a Axenda Urbana de Pontevedra, sei que seremos quen de sacar adiante todos estes proxectos pola vía do diálogo co Ministerio… Todos teñen xa anteproxecto elaborado polo Concello desde hai moito tempo, algúns deles case co nivel de definición dun proxecto de execución material. Os prazos requíreno ademais, xa que son fondos europeos, e o horizonte que se manexa é de finais de 2025 e principios de 2026”.
Puentes defendeu o compromiso do Ministerio para a Transición Ecolóxica no marco dunha comparecencia na que afondou nos proxectos incluídos na estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe que serán asumidos pola Dirección Xeral da Costa. As actuacións, resultado das conversas e xestións entre ámbalas administracións ao longo de case dous anos, son as seguintes:
- Reordenación, recuperación e mellora da parcela situada diante do Pavillón Municipal dos Deportes, de Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT). Segundo apuntou Iván Puentes, “o que se proxecta nesa parte do río Lérez é unha intervención que suma uns 7 millóns de euros e que pretende rachar esa canalización, eses muros verticais de contención de formigón, para substituílos por unha ribeira verde en pendente, que permita acceder ata a auga e xerar zonas de estar e lecer”. “Isto farase compatible -apuntou o socialista- co actual uso desta parcela como un dos principais aparcadoiros disuasorios da cidade e que, polo tanto, imos conservar dun xeito máis ordenado e moi mellorado a nivel paisaxístico”.
- Entre a Illa das Esculturas e A Xunqueira de Alba desenvolverase un proxecto denominado ‘Entrepontes’ na estratexia Pontevedra Flúe, que plantexa a restauración da ribeira do río, nas dúas marxes, entre a Ponte dos Tirantes e a das Correntes, rachando o muro de contención da canle do río, xerando unha baixada suave en pendente para poder mollar os pés e dando lugar un corredor verde polo río, con terrazas e vexetación de ribeira (por Rafael Areses, diante do Pavillón e o Paseo de Domingo Fontán e tamén, na zona do muro, de DPMT, polo lado das avenidas de Bos Aires e Uruguai). Unha obra que ten un orzamento de 1,7 millóns de euros.
- Recuperación da Xunqueira de Alba en sinerxía coa liberación dos terreos ocupados pola Deputación de Pontevedra (proxecto Parque Alba – O Burgo), na zona máis próxima ao Lérez, entre o río, a rúa Martín Códax (que discorre a carón das concesións) e o vial que une a estrada de Vilagarcía coa Gándara. “Aquí -explicou Iván Puentes- vanse realizar dous tipos de actuacións: incorporar ao espazo público a zona que nestes momentos está liberando a Deputación, vencellada á Imprenta Provincial e ao Parque de Maquinaria, a zona na que Costas ten actualmente as súas oficinas (onde estaba a nave de Talleres El Burgo, que será demolida), creando un novo acceso á Xunqueira desde a altura da gasoliñeira do Burgo, e o resto de parcelas estatais, autonómicas e provincias existentes alí; e levar a cabo unha restauración ambiental e xerar unha zona verde de transición entre o treito máis urbano e o ámbito de humidal da Xunqueira, recuperando algunhas lagoas… Un proxecto ao que se destinarán uns 3 millóns de euros”.
- Restauración ambiental da Xunqueira de Alba e recuperación do primeiro treito canalizado do río Rons. Xa dentro do humidal, vanse eliminar as especies invasoras, realizar unha senda perimetral que nos permita percorrer todo ese espazo, protexer a biodiversidade existente e liberar parte da acolmatación que ten, mellorando a entrada de auga e capacidade de inundación (evitando así a súa progresiva conversión en pradeira). O investimento contemplado é de 3,9 millóns de euros.
- Renaturalización da ribeira e recuperación ambiental do DPMT en Ponte Sampaio (a parcela do antigo campo de fútbol). Tal e como sinalou Iván Puentes, “preténdense prolongar as zonas de Alameda e de praia, case triplicando a superficie que ten neste momento, e manter o uso de aparcadoiro, pero, como no caso de diante do Pavillón, cun uso moito máis ordenado, integrado no contorno e naturalizado”. Contémplase unha intervención de entre uns 400.000 e uns 700.000 euros.
Con respecto a actuación proposta desde as filas nacionalistas para esta zona de Ponte Sampaio, o portavoz do PSOE incidiu en que “eses terreos son de Costas do Estado e todo o que alí se faga debe contar con seu beneplácito”. “Eu podo pintar a Mezquita Azul de Estambul alí e custaría moitos millóns, pero se Costas non ma deixa facer, pois non podo facela, porque os terreos son seus. A diferencia entre o proxecto inicial e o noso é que o noso está falado con Costas para facer o que a Lei nos permite facer”, aseverou.
Asemade, Puentes indicou que existen outros dous proxectos nos que se está definindo co Ministerio para a Transición Ecolóxica a súa posible execución, seguindo o mesmo espírito dos anteriores:
- A coñecida como ‘parcela dos circos’ en Mollabao, na que o Concello solicitou a construción dun vial que conecte a rúa Rosalía de Castro coa autovía a Marín, contemplándose unha actuación en ámbalas marxes dese vial (a estratexia Pontevedra Flúe prevé tanto o vial como a mencionada intervención) que faga compatible o uso actual de aparcadoiro coa dotación de zonas verdes e a conexión co paseo a Marín. O plan está valorado en 1,2 millóns de euros.
- Tamén se está a estudar unha actuación vencellada á Xunqueira de Alba, coa que se busca mellorar o seu comportamento hídrico e inundabilidade: abrir o entronque entre os ríos Rons e Lérez (abrindo a ponte) e gañar parte dos terreos que deixe liberados a Deputación. O orzamento estimado é de 8,6 millóns de euros.
As zonas asociadas cos cursos de auga dos ríos e da ría do concello de Pontevedra e o DPMT son competencias do concelleiro de Desenvolvemento Sostible
Iván Puentes tamén quixo responder a outra falsidade vertida en relación ás súas competencias como concelleiro de Desenvolvemento Sostible, indicando que “o decreto de Alcaldía do 19 de xuño de 2019, cando se constituíu a actual Corporación, establece que na Área de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural o concelleiro responsable ten entre as súas competencias a posta en valor das zonas naturais asociadas cos cursos de auga dos ríos e da ría do concello de Pontevedra”. Fronte ao argumento de que a praia de Ponte Sampaio lle corresponda ao BNG (en concreto a Raimundo González), Puentes evidenciou que “a praia non é a parcela do antigo campo de fútbol, que é DPMT, e polo tanto forma parte das zonas naturais asociadas aos cursos da auga dos ríos e da ría do concello de Pontevedra”.
O socialista asegurou que “se calquera concelleiro, con independencia do seu partido político, consegue traer un investimento como este, o maior deste mandato e dos maiores da historia de Pontevedra co Ministerio, eu apláudolle, colaboro con el e me poño á súa disposición para poder executalo, porque creo que niso consiste gobernar e para iso nos elixen os cidadáns: para mellorar a súa cidade”.



