Search
Close this search box.

Benestar Social clausura este venres o obradoiro ‘Lembrando as nosas parroquias’ co pase dun vídeo para os veciños que participaron no proxecto

  • O visionado terá lugar no Teatro Principal ás 18:00 horas, contará coa presenza dos concelleiros Iván Puentes e Marcos Rey e a el está convidada a veciñanza de Santa María de Xeve, San Andrés de Xeve, Verducido, Alba, Campañó e Cerponzóns

Ao estilo dos pases organizados coa veciñanza por Jesús Calleja no programa de televisión ‘Volando voy’, a Concellería de Benestar Social decidiu convidar aos veciños que participaron no obradoiro ‘Lembrando as nosas parroquias’ á estrea dun vídeo que recolle os momentos vividos nesta actividade. O visionado desta peza duns 20 minutos de duración terá lugar este venres 21 de abril ás 18:00 horas no Teatro Principal, no marco dun acto de clausura ao que asistirán os concelleiros socialistas Iván Puentes e Marcos Rey.

Ao evento foron convidados veciños das parroquias de Santa María de Xeve, San Andrés de Xeve, Verducido, Alba, Campañó e Cerponzóns, que durante os pasados meses participaron no programa municipal. Tal e como subliña o edil de Benestar Social, Marcos Rey, ‘Lembrando as nosas parroquias’ desenvolveu “unha proposta de intervención activa para xerar interconexión entre as persoas maiores das parroquias, mediante unha metodoloxía aberta, innovadora e participativa, que tamén recolleu outras achegas das reunións iniciais do Proponte Rural”. “A finalidade foi a de que os nosos maiores puidesen compartir e poñer en valor os saberes vitais, engadindo o traballo memorístico que implica a recolleita desas lembranzas. Máis de 70 veciñas e veciños participaron neste proxecto”, apuntou Rey.

Os talleres foron impulsados a raíz das reunións mantidas no contexto da iniciativa Proponte Rural con axentes sociais das parroquias, nas que se detectou a necesidade de xerar espazos de encontro interparroquiais e de incrementar a programación destinada á poboación maior. Non obstante, entre os obxectivos do programa municipal Proponte inclúense os de fomentar e consolidar o tecido asociativo, mantendo unha especial atención ás parroquias, por ter unhas necesidades específicas.

“A Concellería de Benestar Social busca impulsar o tecido social e as entidades asociativas, sempre baixo os criterios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e coa intención de favorecer á sociedade pontevedresa no seu conxunto”, asegurou Marcos Rey.

Compartir publicación: