• A postura da Comisión de Transportes e Turismo do Europarlamento de cara á negociación cos 27 para a revisión das redes transeuropeas inclúe a defensa do obxectivo de que os proxectos prioritarios estean culminados en 2030, incluíndo ao Corredor Atlántico
O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, celebrou esta mañá desde a sede parlamentaria da UE a aprobación, por parte do Parlamento Europeo, dunha posición que inclúe ao Porto de Pontevedra na Rede Básica de Mercancías, “o que significa que, ao incluírse no Corredor Atlántico, terá un carácter prioritario e, polo tanto, a súa conexión ferroviaria debería ter rematada toda a súa transformación a ancho de vía europea en 2030”. A noticia foi recibida por Puentes no marco dunha nova xornada de traballo na que estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e polo europarlamentario Nicolás González Casares, poñente do Parlamento para a reforma do mercado eléctrico, e na que tivo ocasión de reunirse con Javier Moreno, xefe da Delegación Española dentro do Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas; co europarlamentario portugués Carlos Zorrinho, que foi secretario de Estado da Energia e da Inovação na etapa de José Sócrates como primeiro ministro, e o europarlamentario leonés Ibán García del Blanco.
Segundo explicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “a posición que a Comisión de Transportes e Turismo do Parlamento Europeo fixou hoxe de cara á negociación cos 27 para a revisión das redes transeuropeas (RTE-T) implica a defensa do obxectivo de que os proxectos prioritarios, é dicir os da Rede Básica, estean culminados en 2030, incluíndo o Corredor Atlántico ferroviario (https://twitter.com/nicogoncas/status/1646526870639509507?s=20)”. “É unha boísima nova para o noso concello e para o Porto de Pontevedra-Marín, xa que para as melloras non prioritarias, as incluídas na denominada Rede Global, a UE manexa como horizonte finais de 2050, e estamos a falar duns investimentos que optimizarán a conexión ferroviaria de mercancías do noso porto nun horizonte de menos de dez anos”, sinalou Iván Puentes.


