Iván Puentes asegura que a Concellería de Promoción Económica realizará na vindeira semana a medición concreta de cada posto ambulante na Alameda e que “se todo vai ben, o traslado da feira producirase este mesmo mes”

  • O portavoz municipal do PSOE supervisa, acompañado de técnicos de municipais, un primeiro simulacro que contou coa participación dun grupo de vendedores que puideron constatar as facilidades de acceso ao recinto cos seus vehículos
  • A experiencia permitiu constatar que os arredor de 50 postos que se instalan agora mesmo en Rafael Areses terían espazo de sobra para acomodarse en tres ringleiras, pero serán as medicións concretas as que verifiquen se é posible aparcar as furgonetas detrás dos postos

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, supervisou esta mañá, acompañado de técnicos municipais, o primeiro simulacro de encaixe dos postos do mercadillo de cara ao seu traslado de Rafael Areses á Alameda. O operativo, no que participaron un nutrido grupo de vendedores que puideron constatar as facilidades de acceso ao recinto cos seus vehículos, serviu para levar da oficina ao terreo os planos de ubicación sobre os que a Concellería de Promoción Económica vén traballando ao longo destes meses e, nomeadamente, contrastar se os arredor de 50 postos que se instalan agora mesmo no contorno do Pazo da Cultura entrarían en dúas ringleiras ou sería precisa unha terceira pola parte central do parque.

Tal e como precisou Puentes tralo simulacro, “parece seguro que esta terceira ringleira sería necesaria no caso de que tódolos concesionarios estean presentes no mesmo día, algo que non sempre acontece: instalando só os postos caben todos perfectamente, e se lle engadimos os coches, que funcionan a xeito de almacén e polo tanto o desexable é telos preto do posto, debemos axustar máis o espazo dispoñible na Alameda”. “Para iso -avanzou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible-, completaremos este simulacro a vindeira semana ‘picando’ xa sobre o terreo o espazo concreto que ocuparía cada un dos postos que teñen en concesión, coa medida exacta de cada un deles, e o correspondente vehículo que traerán, para adaptarnos por completo á realidade e xa sobre iso ter o chequeo definitivo do espazo que o mercadillo ambulante ocuparía neste recinto e a ubicación exacta de cada posto”.

O portavoz socialista asegurou que “todo vai segundo o previsto e parece que é posible o traslado da feira á Alameda, algo que poderemos confirmar nos vindeiros días, cando marquemos sobre o terreo cada un dos postos”. En base ás súas previsións, “se todo vai ben, a intención da Concellería de Promoción Económica é poder trasladar os postos neste mesmo mes, a penúltima ou última fin de semana de abril”.

En relación aos posibles atrancos que o socio de Goberno poida plantexar a este traslado, Iván Puentes lembrou que “o alcalde dixo con claridade na rolda de prensa na que se pronunciou sobre este asunto que se trata dunhas competencias absolutamente delegadas no PSOE e que, polo tanto, ao PSOE lle correspondía adoptar esa decisión”. “O Partido Socialista -subliñou Puentes- ten unha decisión tomada, que é que se a feira cabe aquí, unha vez que fagamos a proba, se instale na Alameda. O pacto de Goberno asinado leva funcionando así durante os últimos catro anos: o PSOE ten unha serie de responsabilidades, o BNG outras, e ningún dos socios interfire nas do outro. O alcalde dixo a realidade do que funcionou en Pontevedra ao longo do mandato e o que tamén funcionará no caso da feira”.

“Nas Festas da Peregrina córtanse rúas durante máis dunha semana e entran na Alameda camións, tráilers e todo tipo de maquinaria pesada”

Ao seu xeito de entender, o informe elaborado pola Policía Local “non lle pon ningunha pega ao traslado do mercadillo ambulante á Alameda, simplemente advirte de cuestións que hai que ter en conta, como cando se fai calquera outra cousa na rúa, á hora de traer a feira para aquí: tiñamos un espazo no que non se celebraba unha feira, agora vaise celebrar e, polo tanto, a Policía di que hai que ter en conta a afección ao tráfico, pero ao igual que hai que tela en conta cando traemos as Festas da Peregrina ou a Feira Franca e non ocupamos só Alameda, senón Raíña Vitoria e a rúa Alameda (cortándoa ao tráfico) durante máis dunha semana”. “O informe di o lóxico e evidente, hai que ter en conta a afección ao tráfico, hai que ter en conta os estacionamentos, pero como hai que telos en conta agora mesmo tamén en Rafael Areses, onde se corta ao tráfico esta rúa, ou cada vez que se organiza un evento extraordinario nun sitio no que non se celebraba ata ese momento… Nas Festas da Peregrina, aquí entran camións e tráilers e todo tipo de maquinaria moito máis pesada que os postos dunha feira, que son bastante lixeiros”, matizou o portavoz do PSOE.

A presidenta da Asociación de Ambulantes Autónomos de Galicia, Margarita González Bértola, amosou a ledicia dos vendedores “por regresar ao centro, xa que é unha demanda de moitos anos: nós estabamos no centro e trasladáronnos ás aforas”. “Non sei por que -apuntou González Bértola-, pero a xente do centro de Pontevedra non cruza as pontes, así que para nós supón unha gran festa volver ao centro. Non puido ser Campolongo polas obras que se están a acometer (no edificio de Casa Román), pero a Alameda parécenos un sitio idóneo porque nos colle moi ben para xente que vén doutros municipios limítrofes como Poio ou Marín. Pola nosa parte, poñémoslle un dez ao traslado”.

Compartir publicación: