- Unha nutrida representación de membros de Amencer-Aspace, Asseii, Amizade e Asem Galicia participa nun encontro informativo cos concelleiros Iván Puentes, Marcos Rey e Yoya Blanco; o director da asociación Cambiadores Inclusivos, Eriz Delgado, e o CEO de Gaman Diversidade e Inclusión, Andoni Etxebarria
- O encontro informativo serviu para que as asociacións coñecesen as funcións e elementos do novo cambiador, o primeiro certificado en toda Galicia, e xestionasen a recepción dos primeiros xogos de chaves para comezar a empregalo
Trala dotación dunha rampla metálica de acceso, o novo cambiador inclusivo instalado pola Concellería de Benestar Social na Praza de Galicia xa está listo para o seu uso. Unha nutrida representación de membros dos colectivos Amencer-Aspace (Asociación de Familias de Persoas afectadas de Parálise Cerebral), Asseii (Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais), Amizade (Asociación de Persoas con Discapacidade de Pontevedra) e Asem Galicia (Asociación Galega Contra as Enfermidades Neuromusculares) participou esta mañá nun acto inaugural e informativo ao que asistiron o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e mailos concelleiros Marcos Rey e Yoya Blanco e que serviu para darlles a coñecer os elementos e funcións deste servizo, ao contar tamén coa presenza do director da asociación Cambiadores Inclusivos (que facilitou a instalación) e o CEO da firma Gaman Diversidade e Inclusión, Andoni Etxebarria.
O encontro tamén serviu para xestionar a recepción dos primeiros xogos de chaves, o que permitirá que os usuarios dos colectivos poidan empezar a empregalo de xeito inmediato. O cambiador inclusivo permanecerá na Praza de Galicia de xeito piloto durante uns tres meses, permitindo que os membros das asociacións poidan probar o seu funcionamento e facer suxestións acerca das cuestións que se poidan mellorar ou que botan en falta (mesmo se consideran que outro emprazamento podería ser máis axeitado), co obxectivo último de dotar á cidade de instalacións que funcionen de xeito definitivo.
Tal e como subliña Iván Puentes, “trátase dunha experiencia piloto que nace cun compromiso claro e firme de permanencia: cando este cambiador inclusivo provisional se levante no mes de xuño será substituído por unha rede de cambiadores inclusivos ao longo da cidade”. “Inicialmente -apunta o socialista- falamos duns tres cambiadores en diversos puntos de Pontevedra para darlles resposta e servizo ás necesidades dos veciños e veciñas que precisan de instalacións deste tipo. O que queremos é facer unha Pontevedra máis inclusiva e que estea pensada para todos e todas, independentemente das necesidades que cada un de nós poidamos ter na nosa vida diaria, e de ter un Concello que pensa na calidade de vida e nos dereitos de tódolos pontevedreses e pontevedresas”.
O novo cambiador inclusivo está dotado de inodoro, ducha e padiola combinados nun espazo duns 12 metros cadrados especialmente pensado para persoas con grandes e/ou complexas necesidades de asistencia na hixiene. Segundo lembra o concelleiro Marcos Rey, “os baños accesibles estándar ou baños para persoas con discapacidade non ofrecen as ferramentas básicas que os cidadáns con diversidade funcional precisan para empregar un aseo de forma fácil, autónoma e digna” e desde Benestar Social “consideramos que se existen cambiadores para bebés, tamén debe habelos para persoas que teñen outras necesidades” “Os cambiadores inclusivos -asegura Rey- pretenden precisamente dar resposta e adaptarse a estas necesidades persoais”.
Un cambiador inclusivo é polo tanto un concepto innovador de sanitario accesible que respecta a diversidade da xente e que cubre as necesidades básicas para o aseo persoal que actualmente os baños accesibles estándar non satisfacen. Contan con catro principios básicos que os diferencian dos ‘baños accesibles’:
- Un ambiente seguro e limpo (rolo de papel de corte ancho para cubrir a padiola, un gran cubo de lixo sanitario para os pañais e demais residuos, chan antiesvarante…).
- Uns equipos axeitados: unha padiola de altura axustable para persoas adultas, un sistema de elevación de seguimento ou grúa móbil, unha cortina ou biombo para favorecer a privacidade…
- Un espazo amplo que permite a asistencia de ata dúas persoas para a hixiene persoal (uns 12 metros cadrados).
- Un control de acceso xestionado e coordinado para garantir a funcionalidade.
A combinación de cambiadores inclusivos cos sanitarios accesibles estándar complementa e cobre a necesidade de distintos grupos de persoas usuarias e, polo tanto, requírese que sexan provistos ‘ademais de’ e separados dos estándar. Esta dotación de carácter piloto é o resultado da colaboración coa Asociación para a Coordinación de Cambiadores Inclusivos (Acci), que ofrece asesoramento e acompaña ás entidades en cada etapa do deseño, subministro, instalación, mantemento e rexistro deste tipo de cambiadores. Trátase dun colectivo que ten entre os seus principais retos o emprazamento de cambiadores inclusivos en tódolos lugares públicos e privados estratéxicos ou de gran concorrencia de persoas; a incorporación do concepto de Cambiadores Inclusivos na normativa de accesibilidade; a xestión coordinada destas dotacións, e xeración de emprego para persoas con difícil empregabilidade ou en risco de exclusión social, permitindo que poidan empoderarse e desenvolverse persoal e profesionalmente.