- A presentación desta iniciativa terá lugar o vindeiro mércores 5 de abril, co gallo do Día Internacional da Conciencia, nun acto que se desenvolverá no Salón de Actos do Centro de Maiores ás 11:00 horas e no que participarán os concelleiros Iván Puentes e Marcos Rey
No pasado mes de decembro as persoas maiores residentes na Residencia de Campolongo foron os protagonistas dunha campaña na que recibiron unha avalancha de cartas e postais de Nadal para paliar a situación de soidade e abandono que moitas persoas nesta etapa da vida padecen por parte da sociedade e das súas propias familias. O número aproximado de misivas recibidas superou as 23.000, o que fai materialmente imposible realizar a resposta personalizada que tiñan prevista dende o centro. Co obxectivo de que o agradecemento colectivo dos maiores chegue de volta a todos aqueles que se volcaron coa iniciativa solidaria, a Concellería de Benestar Social puxo en marcha un obradoiro creativo e interdisciplinar denominado ‘Tok-a-Nós’, no que os residentes están a deseñar e elaborar, por unha banda, unha carta colectiva de agradecemento e, pola outra, unha mensaxe comunitaria e pública que se fará visible na parte exterior do centro, así como nun photocall interior.
A presentación das mesmas terá lugar nun acto que se celebrará o vindeiro mércores 5 de abril (Día Internacional da Conciencia) ás 11:00 horas no Salón de Actos da Residencia de Maiores de Campolongo e no que participarán o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey. Tal e como sinala Rey, “no noso afán de traballar a prol dos dereitos das persoas e da veciñanza, desde o Concello de Pontevedra somos moi conscientes da clara transformación que se produciu na pirámide social e de que a pandemia exacerbou as desigualdades de base existentes e intensificou os impactos socioeconómicos, ambientais e de saúde sobre a vida das/os nosas/os maiores”.
“A resposta da cidadanía a esa especie de chamada de atención ou de auxilio que lle fixeron os maiores da Residencia de Campolongo foi unha abrumadora ondada de amor, que superou tódalas expectativas e que chegou ao corazón de todos eles. Con este obradoiro ‘Tok-a-Nós’, a Concellería de Benestar Social quixo facer posible un agradecemento colectivo a todas esas persoas tan solidarias, empáticas e sensibles”, asegura o concelleiro socialista.