Search
Close this search box.

Benestar Social dotará a Pontevedra do primeiro cambiador inclusivo certificado de Galicia

  • Comezará a instalarse o vindeiro luns 27 de marzo na Praza de Galicia de xeito piloto durante uns tres meses e contará con inodoro, lavabo, ducha e padiola combinados nun espazo duns 12 metros cadrados para persoas con grandes e/ou complexas necesidades de asistencia na hixiene

As xestións realizadas polo concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, permitirán dotar á nosa cidade do primeiro cambiador inclusivo certificado de Galicia. Comezará a instalarse o vindeiro luns 27 de marzo na Praza de Galicia de xeito piloto durante uns tres meses e contará con inodoro, ducha e padiola combinados nun espazo duns 12 metros cadrados especialmente pensado para persoas con grandes e/ou complexas necesidades de asistencia na hixiene.

O edil socialista asegura que “a idea é probar o funcionamento do cambiador nesa céntrica ubicación, de xeito que os usuarios nos poidan dicir que cousas se poden mellorar ou que cuestións botan en falta, mesmo se consideran máis axeitado outro lugar, e determinar así unha instalación que funcione de xeito definitivo”. “Unha vez que estea instalado, organizaremos unha xornada con responsables da entidade que nolo subministra para que expliquen aos potenciais usuarios como empregar os distintos elementos”, avanza Marcos Rey.

Tal e como explica o edil do PSOE, “os baños accesibles estándar ou baños para persoas con discapacidade non nos ofrecen as ferramentas básicas que os cidadáns con diversidade funcional precisan para empregar un aseo de forma fácil, autónoma e digna”. “Entendemos que se existen cambiadores para bebés, tamén debe habelos para persoas que teñen outras necesidades e os cambiadores inclusivos pretenden precisamente dar resposta e adaptarse a estas necesidades persoais”, sinala Rey.

Un cambiador inclusivo é pois un concepto innovador de sanitario accesible que respecta a diversidade da xente e que cubre as necesidades básicas para o aseo persoal que actualmente os baños accesibles estándar non satisfacen. Non obstante, os cambiadores inclusivos contan con catro principios básicos que os diferencian dos ‘baños accesibles’:

  • Un ambiente seguro e limpo (rolo de papel de corte ancho para cubrir a padiola, un gran cubo de lixo sanitario para os pañais e demais residuos, chan antiesvarante…).
  • Uns equipos axeitados: unha padiola de altura axustable para persoas adultas, un sistema de elevación de seguimento ou grúa móbil, unha cortina ou biombo para favorecer a privacidade…
  • Un espazo amplo que permite a asistencia de ata dúas persoas para a hixiene persoal (uns 12 metros cadrados).
  • Un control de acceso xestionado e coordinado para garantir a funcionalidade.

Tal e como subliña o concelleiro de Benestar Social, “a combinación de cambiadores inclusivos cos sanitarios accesibles estándar complementa e cobre a necesidade de distintos grupos de persoas usuarias e, polo tanto, requírese que sexan provistos ‘ademais de’ e separados dos estándar”. “Esta dotación de carácter piloto que poremos en marcha na Praza de Galicia é o resultado da colaboración coa Asociación para a Coordinación de Cambiadores Inclusivos (Acci), que ofrece asesoramento e acompaña ás entidades en cada etapa do deseño, subministro, instalación, mantemento e rexistro deste tipo de cambiadores. Trátase dun colectivo que ten entre os seus principais retos o emprazamento de cambiadores inclusivos en tódolos lugares públicos e privados estratéxicos ou de gran concorrencia de persoas; a incorporación do concepto de Cambiadores Inclusivos na normativa de accesibilidade; a xestión coordinada destas dotacións, e xeración de emprego para persoas con difícil empregabilidade ou en risco de exclusión social, permitindo que poidan empoderarse e desenvolverse persoal e profesionalmente”, apunta Marcos Rey.

Compartir publicación: