Iván Puentes asegúralles aos veciños de Fernando Olmedo que as inundacións da rúa non son algo inexorable: “O pioneiro proxecto que permitirá controlar o rego de Valdecorvos é tanxible, conta co respaldo de Augas de Galicia e resulta factible a nivel económico”

  • O portavoz municipal do PSOE participa, xunto co técnico redactor do plan, Ángel Colsa, e o xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, nun encontro coa veciñanza para darlles a coñecer o proxecto impulsado no marco da estratexia Pontevedra Flúe
  • Puentes afirma que o financiamento dos arredor de 700.000 euros que suporá esta intervención “pode ser asumido perfectamente polos orzamentos do Concello”, pero que tamén se estudarán outras vías como os fondos procedentes de Europa

“A mensaxe que queremos transmitir é que as inundacións, que están producidas por unha acción pasada, que é a desecación da xunqueira que tiñamos na zona do Estadio da Xuventude, non son algo inevitable. Poderemos palialas e evitalas na meirande parte dos casos. O pioneiro proxecto que permitirá controlar o rego de Valdecorvos é tanxible, conta co respaldo de Augas de Galicia e resulta factible a nivel económico”. Deste xeito trasladou o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, aos veciños e veciñas de Padre Fernando Olmedo as posibilidades de facer realidade algo que para moitos parecía inexorable: acabar cos recorrentes asolagamentos que se producen nesta rúa e nas zonas próximas nos períodos de abundantes choivas.

Foi durante unha xuntanza que se desenvolveu esta tarde na sede da Cruz Vermella e na que a veciñanza tivo oportunidade de coñecer o proxecto impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e a Universidade, no marco da estratexia Pontevedra Flúe, para controlar as crecidas do rego de Valdecorvos mediante a creación de dúas lagoas artificiais que asumirían e reterían o incremento de auga en momentos de alto caudal. O encontro, ao que asistiron unhas 70 persoas, contou coa participación do xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e o do enxeñeiro Ángel Colsa, técnico redactor do plan.

Segundo lembrou o socialista, “os asolagamentos que se producen desde hai décadas son causados fundamentalmente pola coincidencia de dous factores: a marea chea na ría e no río Lérez e un incremento repentino de caudal no rego de Valdecorvos, provocado por unha choiva forte e acumulada en moi pouco tempo”.

“O que se propón é a construción, río arriba, na zona de Valdecorvos, de dúas lagoas artificiais que sexan capaces de asumir eses aumentos repentinos de caudal cando a marea está chea, absorbendo o excedente de auga que se produce neses momentos. Unha vez que baixa a marea, a auga das lagoas podería volver ao rego de Valdecorvos e liberarse de xeito controlado ao Lérez. Estamos a falar de que, en lugar de ter varias inundacións ao ano, como temos nestes momentos, a rúa Fernando Olmedo só tería unha vez cada seis ou sete anos acumulacións de auga equiparables ás máis leves que temos noutros puntos da cidade, evitando a entrada nos garaxes e os importantes danos materiais que se producen a día de hoxe”, indicou Puentes.

O primeiro Sistema Urbano de Drenaxe Sostible de Galicia

Tal e como subliñou o portavoz socialista. “trátase dunha solución novidosa, xa que sería a primeira deste tipo, que tecnicamente coñecemos como Sistema Urbano de Drenaxe Sostible (SUDS), que se fai en Galicia, e das poucas operativas en España; que non só é perfectamente compatible co respecto á natureza e a ese contorno natural que temos en Valdecorvos, senón vai mellorar de xeito notable desde o punto de vista paisaxístico e da biodiversidade desta zona verde, gañando un par de lagoas”. “Ademais, é factible desde o punto de vista económico. Estamos falando dun investimento de algo menos de 700.00 euros -apuntou Iván Puentes-, que é asumible mesmo dentro do propio orzamento municipal e da dispoñibilidade de fondos que ten o Concello de Pontevedra”.

Neste sentido, Puentes afirmou que “existen dúas posibilidades no que atinxe ao financiamento: ou ben, unha vez que estea xa totalmente rematado o proxecto, incorporalo ao vindeiro orzamento municipal, é dicir, ao de 2024, ou ben, como é unha obra compatible cos fondos europeos Next Generation, Feder e outras contribucións que veñen de Europa, financialo con cartos da UE”.

O proxecto que Puentes presentado á veciñanza forma parte da estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe e conta co apoio de Augas de Galicia, ao ser unha medida prevista no Plan de Xestión do Risco de Inundación da demarcación hidrográfica Galicia-Costa 2021-2027 e no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 21-27 para a prevención de riscos de inundación do río Valdecorvos. A actuación atópase en fase de autorización e encaixada na estratexia global de Augas de Galicia.

Unha zona de inundación controlada cunha superficie de 6.000 metros cadrados

A intervención prevista xeraría unha zona de inundación controlada cunha superficie aproximada de 6.000 metros cadrados e unha profundidade neta acumulada de 1,5 metros. Complementariamente, recuperaríase o trazado natural do cauce na zona augas arriba das lagoas, eliminando a súa canalización secular actual (en estado semi derruído) e recuperando meandros, pozas e resaltos naturais, o que aumentará a rugosidade do cauce e, en consecuencia, o tempo de concentración (ao reducir a velocidade).

O proxecto tamén porá en valor o parque de Valdecorvos, xerando zonas verdes e lagoas que aumentarán a biodiversidade deste contorno, e a recuperación do patrimonio etnográfico ligado ao antigo uso do rego de Valdecorvos para regar as brañas da zona.

Con esta intervención tamén se prevé transformar a actual senda nun grande parque urbano. Ademais de renaturalizarse o cauce do Valdecorvos, recuperaríase e reforzaríase o bosque de galería, eliminando as especies exóticas invasoras presentes en parte do borde hídrico (fundamentalmente cana, acacia negra e falsa acacia) e mellorando a estrutura do leito fluvial mediante especies arbóreas autóctonas.

Na zona alta do treito recuperarase o trazado do cauce antigo, controlando os problemas de erosión mediante a fixación dos noiros con estacas de sauce e crearase bosque de ribeira onde agora mesmo non existe. Na parte media do treito recuperarase unha parcela de titularidade pública ocupada ilegalmente para restaurar o bosque de galería. Na parte baixa actuarase na zona de servidume co obxectivo de reforzar o bosque de galería.

O Valdecorvos vén de Mourente e chega á cidade desde Montecelo, penetrando polo parque que leva o seu nome. O regato que antes desembocaba no Lérez, formando unha pequena xunqueira (máis ou menos onte hoxe se atopa o Estadio da Xuventude, a avenida de José Malvar e a rúa Fernando Olmedo) que servía de zona de inundación natural para absorber as súas frecuentes enchentes, agora desemboca entubado ao lado da ponte dos Tirantes, o que motiva a creación dun ‘tapón’ e de desbordamentos cando o Lérez baixa cheo.

Compartir publicación: