A rehabilitación do edificio municipal de Churruchaos e o proxecto de converter o antigo conservatorio nun laboratorio creativo xa teñen concedidos axudas europeas correspondentes.
Ambos están cofinanciados polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana a través do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP) para a rehabilitación de edificios de titularidade pública.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu esta mañá ao delegado do Goberno na Galiza, José Manuel Miñones, para manter unha xuntanza de traballo co fin de repasar algunhas das liñas de investimento e axudas que o Goberno central está levando a cabo no municipio de xeito conxunto.
O rexedor da cidade explicou logo da reunión que o Concello estaba «encantado» da concesión por parte do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos de fondos (Pirep) para dúas obras municipais como son as reformas do edificio de Churruchaos e do antigo conservatorio. «Serán melloras de accesibilidade, enerxéticas, de novos usos… teremos novos espazos públicos para a cidadanía adaptados ao século XXI», comentou Lores.
«No PIREP 2 agardamos tamén poder recibir axudas para o envoltorio do Pavillón Municipal de Deportes, do Teatro Principal e do Pazo da Cultura. Pode que no prazo dun mes teñamos noticias neste sentido tal e como me indicou o delegado», adiantou o alcalde. «Obviamente, sempre estamos contentos de recibir este tipo de visitas, xa que nos permiten repasar asuntos que quedan pendentes, independentemente destas obras que xa contan con proxectos construtivos, entre os que situamos os temas de Costas, como no caso de Ponte Sampaio. Tamén outros procesos que levan moito tempo en espera como Mollavao ou a Xunqueira de Alba. Comentamos, ademais, o paseo a Marín, a súa segunda fase, a circunvalación… Sexa como for, é positiva esta visita e é positivo repasar no que debemos traballar con eses fondos europeos de recuperación para avanzar en beneficio dos cidadáns».
Pola súa banda, Miñones sinalou que «hai apenas uns meses celebramos o desbloqueo para mellora do nó de Bombeiros que xa está en licitación, e hoxe volvo estar en Pontevedra para poñer en valor ese plan de recuperación e transformación que desde o Goberno se está a executar, chegando aos Concellos, pero, o máis importante, chegando á xente e así se verá neste espazo (antigo conservatorio) a través do PIREP».
«Hoxe quixemos repasar dous proxectos moi concretos, como son o do conservatorio e o do edificio de Churruchaos. Contarán cun financiamento de 1.700.000 euros e serán realizados de xeito colaborativo, neste caso do Concello de Pontevedra, que aporta unha contía moi importante», explicou o delegado do Goberno.
Os proxectos de reforma do edificio administrativo de Churruchaos e do antigo Conservatorio están cofinanciados polas axudas á rehabilitación de edificios de titularidade pública, incluídas dentro do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP), xestionadas polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.