O comité organizador mantivo está mañá unha reunión na que se segue afondando na creación dunha proba deportiva que se mesture coa promoción cultural, gastronómica e de ocio de toda a provincia pontevedresa
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembra que este será o maior evento deportivo co que contará Galiza neste ano, colocando a Boa Vila como sede dun evento incomparábel
A Gran Final das Series Mundiais de Triatlón aparece xa no horizonte. Faltan preto de oito meses para que Pontevedra acolla o maior evento deportivo de todo o país programado para este 2023, a cita máis relevante dentro da competición profesional desta disciplina. Así, hoxe, 2 de febreiro, o comité organizador volveu ter unha reunión en Pontevedra co fin de seguir avanzando na súa xestación e posterior posta en marcha.
«Seguimos aclarando números, tomando decisións e preparando xa non á cidade, senón a toda a provincia para acoller esta cita», comentou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. «Queremos facer fincapé nesa idea primordial que é a de non ser só un evento deportivo, xa que queremos que isto sexa unha experiencia total, unha experiencia vital para os participantes, os equipos e as súas familias».
O obxectivo de «deixar lembranzas en todos os triatletas do mundo», o rexedor fixa no Multisport do ano 2019 unha posible comparativa en importancia e en éxito. A reunión desta mañá contou coa participación de representantes das Federacións Galega e Española de Triatlón, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.
José Hidalgo, presidente da Federación Española de Triatlón, quixo avanzar que a dimensión deportiva será a de maior importancia para o triatlón que pode haber —por mor da proximidade coa Olimpíada—. «Todo o mundo que teña algo que dicir no mundo do triatlón vai estar en Pontevedra, non hai a mínima dúbida con ese asunto, tanto masculinas como femininas. Coido que será moi decisiva a proba de Pontevedra de cara ao que poida pasar en París», sinalou.
«Como proba vai ser a máis importante de todo o ciclo preparativo para a Olimpíada. A previsión é moi boa, cremos que se está a facer un programa de actividades impresionante, atractivo… Non é só un plan para os deportistas ou o deporte, senón que tamén queremos poñer en valor a gastronomía, o ocio, o Camiño Portugués, a paisaxe… Temos moito que contar e aproveitar. O nivel adquisitivo do triatleta é habitual que sexa medio-alto, que veña coa súa familia e aproveite para gozar dunhas vacacións merecidas», indicou o presidente. «Hai un alto nivel de expectación, así nos chega de todas as fontes. Pontevedra ten toda a credibilidade do mundo para ser organizador desta final».