Search
Close this search box.

En probas os paneis informativos da entrada da cidade que xa recollen os estacionamentos de bordo 

Puxéronse en marcha nas festas de Nadal e conteñen a felicitación das festas e información cos estacionamentos de bordo da cidade.

Durante unhas semanas estarán en probas para axustar cores, intensidades, contidos sinxelos e claros… que sirvan de información a condutores e peóns.  

A Concellaría de Seguridade Cidadá e Xestión do Espazo público, que dirixe Eva Vilaverde, xa ten activados os tres paneis informativos instalados en tres puntos de entrada á cidade que ofrecen información puntual aos condutores e aos peóns. Neste momento os paneis están en fase de probas. Estanse facendo axustes técnicos (cores, intensidades, contidos…) polo que a información que transmiten son, ademais do logo municipal, a felicitación das festas de Nadal e o plano de estacionamentos de bordo da cidade.

Os paneis están situados na avenida de Compostela —ao carón da rotonda que baixa de Pasarón—, en Domingo Fontán —na rotonda de acceso á Ponte das Correntes— e en Josefina Arruti —na rotonda coa avenida da Estación. Teñen unhas dimensións de 3,4 x 2,76 metros —o panel— e 25 centímetros de grosor. A superficie total é de 7,17 m2, a resolución de 230×224 píxeles por polgada. 

A visión óptima do panel é duns 10 metros de distancia. E a información que agora se coloca nel é moi esquemática de tal xeito que se poida entender nunha ollada. A súa visualización máxima é de 20 segundos.

Nestes inicios, os paneis están xestionados pola Policía Local en colaboración co Gabinete de comunicación para axustar as características técnicas das pantallas e os contidos das mensaxes para que sexan sinxelas e claras. Actualmente a información prográmase a través de wifi en cada panel, pero nun futuro próximo farase a través dos servidores da Policía Local.

Como xa ten comentado a concelleira Eva Vilaverde, as pantallas poderán emitir outro tipo de contidos como o estado dos aparcadoiros do bordo, avisos por obras, rúas cortadas, realización de eventos deportivos ou anuncios de citas culturais ou guías para chegar aos espazos culturais da cidade, entre outros.

Estes tres paneis instalados foi a mellora ofertada pola empresa adxudicataria do control semafórico da cidade, pero a intención do Goberno Local é complementalos con outros catro paneis que se instalarán noutros puntos de entrada á cidade. Estes novos terán as mesmas prestacións que os xa instalados pero tamén disporán de sensores para a recollida de datos como a calidade do aire. Este proxecto está presentado a fondos europeos Next Generation.

Compartir publicación: