Search
Close this search box.

Cerponzóns exhibe o seu rico patrimonio etnográfico nun libro realizado e escrito polo antropólogo Rafael Quintía en colaboración co voceiro veciñal Juan José Esperón

  • O inventario, promovido pola Asociación de Veciños O Chedeiro e financiado pola Concellería de Educación de Pontevedra, recolle diferentes bens e elementos de interese cultural da parroquia, como cruceiros, muíños, hórreos, fontes, lavadoiros, pombais, pontes, pontellas ou edificios senlleiros

Un libro publicado por Ab Origine Edicións, promovido pola Asociación de Veciños O Chedeiro e realizado e escrito polo antropólogo Rafael Quintía en colaboración co voceiro veciñal Juan José Esperón permitirá exhibir o rico patrimonio etnográfico da parroquia pontevedresa de Cerponzóns. Froito dun exhaustivo traballo de investigación antropolóxica, este completo inventario patrimonial, financiado pola Concellería de Educación, recolle diferentes bens e elementos de interese cultural da parroquia, como cruceiros, muíños, hórreos, fontes, lavadoiros, pombais, pontes, pontellas ou edificios senlleiros.

Titulado ‘Patrimonio Etnográfico de Cerponzóns’, o libro foi presentado esta mañá no Concello de Pontevedra nun acto no que participaron, ademais dos seus autores, o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández; a presidenta da Asociación de Veciños O Chedeiro, Liliana Casás, e unha das súas vocais, Merchy Viéitez. Tal e como subliñou o edil socialista, esta publicación é o resultado dun traballo “que se iniciou hai moitos meses e que supón a compilación e posta en valor do patrimonio etnográfico de Cerponzóns” e desde a Concellería de Educación “estamos honrados e orgullosos de que se contase con nós para colaborar neste proxecto tan interesante, que vai gustar moito non só aos veciños da parroquia senón a tódolos pontevedreses, porque coñecer unha parte de Pontevedra é coñecernos un pouquiño mellor todos nós”.

Juan José Esperón asegurou que este libro será de utilidade “para a rapazada, de cara á realización de traballos no colexio; para os maiores, para que teñan na súa casa todo o que eles empregaron e conviviron, como muíños, hórreos, cruceiros, lavadoiros…, e tamén para as demais parroquias, para que tomen como exemplo e se animen a ter un libro sobre a súa parroquia”. “Hai unha frase de Jonas Salk que di: ‘A nosa maior responsabilidade é ser bos antepasados’. E neste momento, os que formamos parte da directiva queremos deixar esa lembranza física para os que veñen máis adiante”, afirmou Esperón, que tamén aproveitou a ocasión para pedirlle ao concelleiro de Educación o envío deste inventario como agasallo a veciños nados na parroquia ou descendentes e familiares deles que se atopan no exterior, en países como Arxentina, Brasil, Francia ou Australia.

Segundo explicou Rafael Quintía, “Juan José Esperón foi o meu guía aborixe polas selvas de Cerponzóns” para realizar ao longo de todo ano o traballo de campo necesario para materializar este libro, “que é un catálogo, un inventario, coa súa parte de contextualización cultural, do que é o patrimonio etnográfico da parroquia en base a unha serie de categorías típicas entre as que se inclúen muíños, cruceiros, hórreos, pontes, fontes, pombais, lavadoiros, edificios senlleiros e outros elementos de valor etnográfico que moitas veces pasan desapercibidos, como os muros ou valados, que en moitas comunidades autónomas de España, as construcións a pedra seca, son Ben de Interese Cultural declarado patrimonio inmaterial, ou os lagares, que falan da historia da viticultura nestas zonas”. “O libro non esgota a riqueza patrimonial desta parroquia, pero tentamos ser o máis exhaustivos posibles inventariando, describindo, fotografando e localizando todos eses elementos e explicando que son e as partes que os compoñen, para que teña tamén un carácter didáctico e lle sirva a toda a veciñanza para entender o seu valor”, apuntou o antropólogo.

“Descubrín zona verdadeiramente marabillosas e incribles, selváticas… Á procura dos muíños, iso parecía unha película de Indiana Jones”

Quintía sinalou que, a través deste proxecto, foi quen de “descubrir a enorme riqueza patrimonial que ten esta parroquia, que pola súa privilexiada ubicación na propia depresión meridiana, na vía de acceso fundamental ao centro do país, tamén sufriu o castigo desas infraestruturas, o que fragmentou Cerponzóns, deixando partes illadas e dificultando ás veces a conservación”. “Descubrín zonas verdadeiramente marabillosas e incribles, selváticas, e cun grande potencial para o desenvolvemento patrimonial, para a posta en valor, para organizar rutas e iniciativas que dinamicen a parroquia… Á procura dos muíños, iso parecía unha película de Indiana Jones, con Juan José co machete diante, abríndose camiño nunha trocha do Mato Grosso. Non hai que ir ao Amazonas para ter aventuras. O número de muíños existente na parroquia coincide case ao 100% cos citados Catastro da Enseada”, afirmou Rafael Quintía.

Na súa opinión, un dos aspectos máis sorprendentes da riqueza etnográfica de Cerponzóns son “as pontes e pontellas”, xa que, atravesada polos ríos da Gándara e Rons, esta parroquia “é unha sorte de Mesopotamia e a necesidade de salvar todos estes accidentes xeográficos ao longo da historia fixo que se crearan unha serie de infraestruturas de carácter etnográfico, como pontes e pontellas feitas con laxes, que son para min do máis rico que existe no concello de Pontevedra e ás que moitas veces non se lles dá valor e acaban por seren asfaltadas ou substituídas por pranchas de formigón”. “De feito -indicou-, a portada do libro está protagonizada por unha destas pontellas, e ata descubrimos os restos dunha das pontes da carrilana do Arcebispo Malvar debaixo da propia estrada N-550 e dun túnel de formigón”.

Para esta primeira edición do libro imprimíronse uns 250 exemplares, coa intención de que cada casa da parroquia teña un libro.

Compartir publicación: