Boas noites, amigos, amigas familia, representantes institucionais, veciñas, veciñas.
Estamos aquí, un ano máis, para facer memoria, para lembrar, para homenaxear, para traer de volta os pensamentos e os ideais duns homes que deron a vida por eles.
É o 12 de novembro unha data funesta, unha xornada marcada no calendario como o día no que dez homes bos e xenerosos foron asasinados polo fascismo cunhas balas inxustas, cargadas de odio e sen razón.
Pontevedra é unha cidade con memoria. Levamos traballando nesta idea xa décadas. É un deber ético e político, realmente importante, e nunca o deixaremos de lado, nunca esqueceremos o legado das persoas que loitaron e morreron polos seus, nunca faremos que desaparezan as súas palabras. Todo o contario, seguiremos vindo aquí cada ano a homenaxealas, seguiremos cada día honrando os seus nomes.
O fascismo quitounos demasiados futuros. Arrancounos non só vidas, senón que nos arrancou posibilidades de ser. Fixo imposíbel que moitos homes e mulleres aportasen máis do que aportaron, escribisen, falasen ou calquera outra acción coa que un pode mudar o presente. Quitáronlles a vida e quitáronlles todo o que puideron ser.
Non haberá silencio. Non quedaremos calados. Non daremos un paso atrás. Os dez homes asasinados aquel 12 de novembro pode que perderan a posibilidade de seguir loitando, pero nunca lles chegou a derrota pois aquí estamos hoxe nós, aquí están as súas familias, aquí está o seu legado e a súa herdanza. Ninguén lembra o nome dos que dispararon, pero si sabemos os nomes que intentaron soterrar aquel día para, simplemente, soterrar unha semente que xerminou, semente de vencer.
Reunirnos aquí hoxe é unha obriga e unha débeda que temos para coas súas familias, que aínda cargan cunha dor que xa dura máis de 80 anos. Quixéronas desprestixiar, quixéronas silenciar, non lles permitiron chorar, non lles permitiron celebrar un funeral, roubáronlles bicos, apertas… tal foi o odio que nin flores nunha tumba puideron poñer.
É difícil competir contra tal odio, contra tal grao de maldade. É posíbel que todo o que fagamos polas vítimas do 12 de novembro sexa insuficiente, así como outras vítimas fo Franquismo que continúan en fosas comúns, baixo terra, desaparecidas. Repito, e penso seguir repetindo con todas as miñas forzas, o Concello de Pontevedra nunca deixará de traballar á hora de loitar contra esa inxustiza, contra ese esquecemento e contra ese odio, estaremos sempre do lado das vítimas e dzo recoñecemento que se lles debe.
Desde o ano 1999, este é un día para o dereito e a memoria da honra. Un día onde o recoñecemento supera a dor. Un día marcado no calendario para volver compartir experiencias, volver facer memoria e volver celebrar as vidas honestas, os ideais limpos e solidarios, e a entrega desas persoas de ben que deron todo canto tiñan por protexer aos seus.
Hoxe volvemos pronunciar con orgullo e emoción os seus nomes, para que brillen na noite máis escura, como aquela noite de pedra que algúns chegamos a vivir.
Hoxe lembramos os nomes dos médicos AMANCIO CAAMAÑO CIMADEVILA, TELMO BERNÁRDEZ SANTOMÉ e LUIS POZA PASTRANA.
Dos mestres PAULO NOVÁS SOUTO, GERMÁN ADRIO MAÑÁ e BENIGNO REY PAVÓN.
Do editor RAMITO PAZ CARBAJAL
Do avogado JOSÉ ADRIO BARREIRO
Do xornalista VICTOR CASAS REY
E do capitán JUAN RICO GONZÁLEZ
Arrastra hoxe o vento o seu nome, resoan ecos do seu pasado, do seu legado e da historia silenciada. Podemos sentir orgullo de facelo, de escoitalos. Pontevedra non esquece, e mesmo hoxe, ao escoitar a Uxía, síntome aliviado ao comprobar que o orgullo continúa, que novas voces seguirán falando polas que non puideron. Seguiremos facendo memoria, seguiremos combatendo o silencio.
Cómpre lembrar tamén a aqueles que non morreron, pero si sufriron a violencia e a barbarie: as persoas que acabaron na cadea, as aldraxadas, as rapadas, as violadas, as castigadas, as perseguidas… a todas aquelas persoas que lograron sobrevivir para continuar loitando contra a inxustiza, arrastrando cicatrices. A todas as familias enteiras que durante décadas padeceron humillación, dor e silencio. Hoxe tamén estamos con vós.
Quero que sexa esta unha xornada para facer xustiza. O día remata e a noite avanza, pero no o fará sen comprobar que a xenerosidade e a liberdade seguen a ser as ideas que acabaron por triunfar nesta cidade, e que así continuará.
O fascismo non puido acabar coa obra destes dez homes. Quizais o freou, pero non logrou parar o avance, o progreso, a fonda paixón que senteimos pola defensa do noso país, unha Galiza orgullosa, unha Galiza libre que coida da súa xente, que está na vangarda, que avanza, que aínda conta con lingua de seu para falar do pasado, do presente e do futuro.
Pontevedra é unha cidade con memoria, unha memoria colectiva que é imborrable, que conta cunha gratitude cara a eses homes e mulleres que soñaron cun futuro mellor para os seus fillos e as súas netas; que loitaron por eles e morreron para ter hoxe unha sociedade libre. Nunca debemos permitir que nola rouben.
Como a poesía, a memoria é un arma cargada de futuro. Non haberá silencios, non haberá esquecementos. Viviremos por eles, polos seus soños e polos nosos. Grazas