A proposta tenta ser unha actividade interxeracional, onde os máis novos e a xente con máis experiencia logran confluír e parolar
O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou esta mañá unha nova proposta que xa está en marcha no local social do Gorgullón e que pode ser definida como unha «iniciativa interxeracional na que buscamos mesturar aos máis novos cos máis vellos».
A actividade está nas mans de Teatro Chévere, Feitoría Verde e dun grupo da investigación da USC, grupo SEPA, colectivos que colaboran co Concello de Pontevedra para dar forma a esta actuación. «É unha obradoiro que se desenvolverá durante varias semanas e terá como base o obxectivo de conversar sobre emerxencia climática. A día de hoxe é un dos temas máis presentes da actualidade no mundo. É unha cuestión que ten que estar na mente de todos, ser conscientes á hora de reclamar desde os Gobernos, mais tamén a nivel individual, un cambio nas mentalidades e nas maneiras de vivir e de desenvolver as nosas vidas», explicou Oubiña.
O obradoiro, ademais, tamén afondará na construción de novas narrativas a través do teatro, ferramenta artística perfecta para concienciar e divertir. Esta tarde de xoves, 10 de novembro, será celebrada a segunda xornada xa no local social do Gorgullón. En total, entre 15 e 20 persoas, xente moza, veciños e veciñas de diversas idades, están traballando neste espazo.
Os responsábeis do proxecto sinalan que o obxectivo do obradoiro «é imaxinar outros futuros». «Este grupo interxeracional mestura memoria, pasado e presente, onde escoitan testemuñas de todo tipo».
O obradoiro aínda acepta solicitudes, que poden ser remitidas á asociación de veciños de Eduardo Pondal. Por norma xeral serán os xoves ás 19.30 horas, mais dependerá da semana —e a proximidade de certas datas coma o Nadal—.