Search
Close this search box.

O Pavillón dos Deportes de Pontevedra prolonga a súa lúa de mel como sede de grandes eventos deportivos coa celebración dun Campionato Internacional de Taekwondo que reunirá a máis 1.600 inscritos de toda España e de Portugal

  • A XXIV edición do Cidade de Pontevedra, organizado polo Club Mace Sport en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación e a Xunta, desenvolverase durante catro días (sábado 29, domingo 30 e luns 31 de outubro e martes 1 de novembro) e incluirá campionatos de España de Exhibicións e Precadete de Combate e xornadas de combate en categorías Júnior, Infantil, Precadete, Cadetes, Absoluto e Máster

Tralo rotundo éxito dos Campionatos do Mundo de Loita, polo que pasaron uns 1.800 deportistas e técnicos de 70 países distintos e que deixou un retorno económico de preto de 2 millóns de euros, o Pavillón Municipal dos Deportes prolongará nesta ponte de Tódolos Santos a súa lúa de mel como sede de grandes eventos deportivos coa celebración do XXIV Campionato Internacional de Taekwondo, que reunirá a máis de 1.600 competidores, árbitros e delegados de toda España e de Portugal. O evento, organizado polo Club Taekwondo Mace Sport en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación e a Xunta de Galicia, desenvolverase desde o sábado 29 de outubro e, por primeira vez, durante catro días seguidos, nos que poderemos desfrutar de dous campionatos de España, un de Exhibicións e un Precadete de Combate, e de dúas xornadas de Combate do Ranking Galego en categorías Júnior, Infantil, Precadete, Cadete, Absoluto e Máster.


O Cidade de Pontevedra 2022 foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial Gregorio Agís; o xefe do Servizo Provincial de Deportes, Daniel Benavides; o representante da Federación Galega de Taekwondo Toño Ríos; o presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso, e o director de zona de Pontevedra de Abanca, José Luis Ramírez Matos. Do total de 1.611 deportistas inscritos a data de hoxe (sempre se produce algunha incorporación de última hora), 792 correspóndense coa modalidade de Combate, 213 coa de Técnica, 12 coa de Freestyle, 140 de Exhibición Pontevedra, 100 de Exhibición Federación Española de Taekwondo (FET), 200 de Nacional Precadete, 80 árbitros e 74 delegados e representantes de clubs.


Os campionatos de Combate Júnior Feminino e Precadete Masculino e Feminino terán lugar o sábado 29 pola mañá, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e os de Combate Júnior Masculino e Infantil Masculino e Feminino celebraranse esa mesma tarde, entre as 15:30 e as 20:00 horas. Na xornada do domingo 30 terán lugar, de 9:00 a 14:00 horas, os torneos de Combate Cadete Masculino e Feminino, e de 15:00 a 20:00 horas, os de Combate Absoluto Masculino e Feminino e Máster Masculino e Feminino.


O luns 31 de outubro poderemos gozar no Pavillón dos Deportes do Campionato de España Precadete e dunha xornada de combates de adestramento, mentres que o día de clausura, o martes 1 de novembro, dedicaranse a Técnica, Exhibicións e Freestyle. 


Tal e como apuntou Miguel Cortegoso, “por primeira vez se aplicará o novo regulamento de exhibición” e “nunca antes se fixeran catro días continuos de taekwondo na cidade e considero que é un éxito que Pontevedra evolucione neste eido”. Toño Ríos asegurou que para a Federación Galega “é un orgullo ter aquí, en Pontevedra, un campionato con máis de 1.600 persoas en lista e que trae á cidade dous eventos nacionais, un Precadete (no que o ano pasado acadamos media ducia de medallas) e outro de Exhibición, no que Galicia é a comunidade autónoma que manda”, mentres que José Luis Ramírez Matos sinalou que para Abanca (un dos patrocinadores principais) “é unha preocupación permanente o apoio ao deporte base e os valores que se transmiten” e animou á cidadanía a participar deste evento.


En opinión de Tino Fernández, “1.600 persoas é un número que indica que este campionato é unha referencia non só para Galicia, senón en todo o Estado” e que “os calendarios de tódolos clubs de taekwondo xa inclúen cada ano o nome da nosa cidade durante estas datas”. O tenente de alcalde lembrou que esta cidade decidiu apostar hai un tempo polo turismo deportivo como un dos seus motores, ata amosar que “somos capaces de organizar ben case de todo, o que nos sitúa nunha situación de prestixio dentro e fóra de España”. “Teremos un ano 2023 con moitas cousas planificadas e é posible que organicemos un novo evento de taekwondo” avanzou o edil do PSOE.


Gregorio Agís fixo fincapé na complexidade que supón a organización dunha competición con máis de 1.600 persoas e asegurou que “para a Deputación é un orgullo e unha ledicia poder colaborar” con este evento na medida do posible, contribuíndo a que estas probas se manteñan”. “Estamos a falar da XXIV edición -dixo o socialista-, polo que estamos a falar dun campionato que foi collendo corpo ano a ano ata converterse nun clásico e nun referente do taekwondo, que axuda a colocar a Pontevedra no mapa e ten importantes implicacións turísticas e económicas e a nivel de fomento de hábitos de vida saudables”.


Para Daniel Benavides, este Campionato Internacional de Taekwondo “ten o éxito garantido e é unha aposta segura, porque ao fronte está un club como o Mace Sport, que ten sona a nivel nacional, e un referente como Miguel Cortegoso, co que levamos traballando hai anos e que sempre é o primeiro en carrexar material, elaborar horarios…”. “Este esforzo levounos a que a Federación Galega de Taekwondo sexa pioneira e referente, non só polos resultados senón tamén pola capacidade organizativa. A xente que vén a un campionato, sempre volva. Hai detrás moito traballo e paixón”, afirmou o xefe provincial do Servizo de Deportes.

Compartir publicación: