A Xunta de Goberno aproba a solicitude das axudas europeas das zonas de baixas emisións

Na petición está incluída a reforma da rúa da Santiña e a instalación de cámaras e sensores que midan as mobilidades da cidade e a calidade ambiental urbana.

O Concello aspira á concesión de fondos NextGenerationEU da Unión Europea xestionados polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible para a implantación de zonas de baixas emisións e transformación dixital e sostible. 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá da Xunta de Goberno Extraordinaria celebrada o pasado xoves, dedicada á convocatoria de axudas europeas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación sostíbel e dixital do transporte.

«Cómpre lembrar que o Concello de Pontevedra non se presentou a primeira convocatoria destas axudas -esta é a segunda- porque non estaba de acordo co tratamento desas zonas de baixas emisións. Unha vez que temos unha proposta como a que acabamos de relatar, como son as zonas de tráfico reducido, si podemos presentarnos», sinalou Gulías.

O Concello de Pontevedrá solicitará axuda para dúas obras ou partes. A primeira é unha actuación física, o remate do tramo urbano do Camiño de Santiago portugués na Santiña. «Escollemos esta obra porque xa é un proxecto avanzado no proceso de contratación, cuestión puntuábel dentro da convocatoria, e permitirá concluír un ciclo de intervencións que garante o espírito destas zonas de tráfico reducido. Reducirá o tráfico rodado, mellorará a mobilidade peonil accesíbel e mellorará os parámetros de calidade ambiental».

A obra da Santiña xa foi presentada no seu intre, mais agora optará ás nomeadas axudas promovidas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Esta tiña un importe próximo aos 1,8 millóns de euros.

A segunda obra presentada a estas axudas procura a instalación de sensores que permitan ocontrol de tráfico e a calidade do aire e os movementos dos distintos medios de transporte na cidade, co obxectivo de adoptar as mellores decisións para reducir os tráficos innecesarios en beneficio dos modos de mobilidade activa, e da recuperación do espazo público para a cidadanía, así como da mellora do medio ambiente urbano de acordo aos obxectivos establecidos na Axenda Urbana de Pontevedra (obxectivo 2, 3, 5 e 9) e o propio PMUS, aprobado o 27 de setembro de 2022, tal e como xa foi indicado.

Ambos proxectos solicitarán a cofinanciación das axudas á transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais xestionadas polo Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Compartir publicación: