Search
Close this search box.

O Pont-Up Store compensará a súa pegada de carbono na cidade

  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural apoiará o plan de descarbonización presentado hoxe pola organización do evento da man da empresa AirCO2, co obxectivo de compensar a pegada de carbono que deixará na cidade desde hoxe ata o próximo sábado, a través de plantacións forestais, xardíns e fontes de agua que eviten o consumo de plástico durante o encontro

Dentro das accións de sostibilidade medioambiental contempladas nesta 9ª edición do Encontro de Emprendemento, O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, ven de acordar co responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra, Iván Puentes, realizar unha medición da pegada de carbono que deixa o evento na cidade, co obxectivo de compensala a través de varias acción.

O paquete de medidas foi acordado hoxe nunha reunión na que tamén participou David Lemos González, director comercial da empresa AirCO2, unha startup pontevedresa que foi seleccionada para ocupar un dos stands da carpa da Praza de España este fin de semana. Trátase da primeira Green Fintech española que permite descarbonizar grazas a un marketplace que pon en contacto a empresas que precisan compensar a súa pegada de carbono con persoas propietarias forestais que poden compensala e ao tempo conseguir rentabilizar o seu monte.

Segundo explica o concelleiro socialista Iván Puentes, “o Pont Up quere subliñar nesta edición o seu compromiso co desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático e, por primeira vez, en colaboración cunha firma pontevedresa, vai calcular a pegada de carbono, é dicir, o conxunto de emisión de CO2 que deixa a súa celebración na cidade, coa vontade de tentar neutralizar esa pegada e de eliminar ese carbono posteriormente con diversas actividades medioambientais“. “Unha vez remate o evento e se poidan facer os cálculos exactos das emisións que supuxo a súa celebración -indica Puentes-, na Concellería de Desenvolvemento Sostible seremos quen de calcular, cos técnicos municipais, cantas árbores teriamos que plantar ou que accións de mantemento de zonas verdes da cidade poderiamos efectuar para destruír ese carbono, convertelo en osíxeno e neutralizar esas emisións de CO2 á atmósfera. No prazo dunhas semanas teremos eses datos claros e, en colaboración coa organización do Pont Up, faremos a acción ambiental oportuna“. 

Amais de neutralizar as emisións do evento, a colaboración da Concellería de Desenvolvemento Sostible tamén buscará que se emita o menos posible, polo que dentro das accións ambientais contempladas inclúese a eliminación das botellas de auga que tradicionalmente se lles daban aos expositores e participantes no Pont Up (coa finalidade de evitar tanto a produción do plástico como o transporte desa auga ata o evento, coas emisións correspondentes), e a instalación dunhas billas de auga na contorna da carpa da Praza de España. “A xente poderá coller auga de quilómetro cero directamente destas billas, a xeito de fonte, evitando máis emisións das que supón a potabilización ordinaria do servizo público de auga“, subliña o concelleiro.

O reto da descarbonización


Pont-Up Store quere ser un evento exemplar en canto a sustentabilidade e xerar a mesma preocupación nos emprendementos que acolle. Deste xeito, en colaboración con AirCO2, acaba de lanzar ‘O reto da descarbonización’ a todas as empresas que participaron no encontro ao longo destes nove anos para que midan a súa pegada de carbono. Se logran apuntar polo menos a 25 empresas, AirCO2 comprométese a calcularlles gratis a súa pegada de carbono durante o ano 2022.

O Pont-Up Store é unha iniciativa da Universidade de Vigo e o Grupo G4 Plus, liderada polo Campus CREA de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca, Zona Franca e R, entre as máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais. Nas labores de organización e coordinación, o encontro conta tamén coa participación da Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store, que ten como obxectivo aproveitar a experiencia e os valores promovidos polo encontro ao longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, que representa a preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia.

Compartir publicación: