Search
Close this search box.

As Palmeiras estrea parque infantil ‘de maiores’ para o inicio do curso escolar despois da espectacular renovación integral realizada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible cun orzamento de case 50.000 euros

A zona de xogos para rapaces e rapazas ‘maiores’ do parque das Palmeiras (a dos máis pequenos está situada nun espazo adxacente) vén de estrear unha faciana totalmente renovada, xusto a tempo para o inicio do curso escolar, trala espectacular restauración integral realizada ao longo das pasadas semanas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. As actuacións, executadas polo Servizo Municipal de Parques e Xardíns cun orzamento de 48.194,88 euros, incluíron a retirada do pavimento deteriorado e a reparación de tódolos elementos de xogo existentes, coa substitución daqueles que se atopaban en avanzado estado de desgaste.


Os traballos puxeron especial énfase na mellora da calidade e condicións de seguridade destas instalacións de lecer, sometidas ao pertinente proceso de certificación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac) tras verificarse que cumpren coa normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003 en materia de seguranza, tal e como a Concellería está a facer de xeito progresivo en todos e cada un dos parques de xogo da cidade que se renovan. Segundo sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “a intervención quedou de verdadeira filigrana, cun pintado e mellora estética de tódolos elementos que conforman este concorrido parque infantil, a eliminación de pintadas o lixado e tratamento dos compoñentes metálicos dos xogos e a substitución das redes ou o bambán cesta”.


“Tamén se levou a cabo a renovación e nivelación completa do pavimento amortecedor conforme á normativa UNE, mediante a dotación dunha capa de caucho e a colocación de novo céspede artificial, mellorándose ademais as condicións de accesibilidade ao parque”, explica Puentes.


Tal e como subliña o edil do PSOE, “co remate desta intervención, os nenos e nenas pontevedreses de tódalas idades poderán contar no inicio deste curso escolar con dúas instalacións de xogo de primeiro nivel nun dos seus parques máis emblemáticos, como é o das Palmeiras”. 


A renovación do  parque infantil contiguo, para nenos e nenas de 3 a 12 anos, xa fora executada polo departamento que dirixe Iván Puentes durante a pasada primavera cun orzamento de 43.820,15 euros, o que supón que o Concello de Pontevedra investiu este ano case 100.000 euros na restauración destas céntricas áreas de xogo. Tamén naquela obra foran reparados tódolos elementos, substituíndose os deteriorados, renovado o pavimento amortecedor para adaptalo aos requisitos de seguridade establecidos pola normativa UNE (dotando o parque dun firme de capa de caucho sintético SBR), eliminadas as pintadas, lixados e tratados os elementos de madeira e pintadas tódalas súas estruturas.

Compartir publicación: