Os servizos municipais xa elaboraron unha listaxe de grandes consumidores de auga ao tempo que estudan a de consumidores vulnerábeis, como hospitais e residencias
Polo momento, o municipio segue na mesma situación de escaseza, a de prealerta, coas mesmas restricións e limitacións da semana pasada
A concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva, ofreceu esta mañá de luns, 1 de agosto, unha rolda de prensa para transmitir e analizar as últimas novidades ao redor da situación hidrolóxica do Lérez, logo do seguimento diario dos recursos que ofrece o río. Nesta comparecencia, a edil lembrou que hoxe tamén é o día escollido para a reunión do grupo de información e seguimento do plan excepcional, constituído por todos os concellos que se abastecen do río pontevedrés.
Cómpre sinalar que a primeira hora desta mañá Augas de Galiza solicitou asistir a esta xuntanza. «Por suposto, non hai ningún problema. É unha reunión telemática na que ofreceremos a información que temos a través dos datos obtidos do seguimento diario», sinalou da Silva.
Nese sentido, os datos permiten saber que ao longo da última semana o río tivo un comportamento «bastante estábel», en palabras da concelleira, en contraste coa quincena anterior na que o caudal baixara de xeito moi preocupante, contexto do que derivaron as medidas tomadas polo Concello de Pontevedra. «O peche de Ence e dos turbinados das centrais que hai río a ría semella que lograron manter, de momento, a estabilidade no caudal. Por suposto, o caudal seguirá baixando se non hai aportacións de auga, pero agora mesmo a baixada desta semana podería ser anecdótica. Porén, hai que medir o caudal medio, que está estábel nuns 1,6 m3/s, o que nos mantén en situación de prealerta, mais permite manter o abastecemento a todos os concellos usando só a auga do río»
Doutra banda, a concelleira do ciclo da Auga lembrou que estamos no intre do ano en que máis auga se consume e se demanda. «Con respecto ao sistema de situacións e actuacións, dicir que seguimos en prealerta, coas mesmas medidas que foron aprobadas a semana pasada e que están permitindo certa estabilidade polo momento», explicou a edil que tamén fixo fincapé no bo sistema de augas co que conta Pontevedra, case sen perdas e cun auga rexistrada superior ao 90 %.
Na nomeada reunión entre os concellos e Augas de Galiza, da Silva explicou que tamén será trasladada unha nova proposta ao organismo autonómico que ten como base as diferentes presas existentes ao longo do río Lérez, pequenas, sendo estas: Pontebora (95.000 m3), San Xusto (82.400 m3), Arroibar (40.900 m3), Anllo (190.000 m3), Almofrei 1 (5.000 m3) e Almofrei 2 (5.000 m3).
En total, estas presas, que son hidroeléctricas agás a de Ence (a de Pontebora), teñen encorado un total de 418.000 metros cúbicos. Estas mini centrais non están turbinando na actualidade e non teñen un consumo neto de auga, por iso non teñen un impacto agora mesmo no caudal do río, mais si teñen unha capacidade de almacenamento importante.
«A proposta que lle imos facer a Augas de Galiza é que, de empeorar a situación do caudal do río, xa co Lérez case seco, que poidamos facer un traballo de coordinación e laminación da auga destas presas para que poidamos ir combinando estas reservas coas do Pontillón do Castro», explicou da Silva. «Pode ser un traballo custoso de coordinación, pero útil no caso de necesidade».
Por último, a concelleira sinalou que os servizos técnicos municipais están a estudar a todos os grandes consumidores de auga do municipio —aquel que consume máis de 2.000 m3 ao ano, se ben o Concello tamén revisará e anotará outros cun consumo menor a esta cifra— como algunhas das empresas situadas no Campiño ou os hoteis da cidade. «O que queremos é simplemente informalos e recomendarlles actuacións que reduzan o consumo».
O Concello tamén está a traballar na redacción dunha listaxe de consumidores vulnerábeis, como poden ser os hospitais ou as residencias, amais de calquera instalación que non poida quedar sen abastecemento baixo ningún concepto. «Queremos ver cales son os seus sistemas, se teñen capacidade para almacenar auga, se non; se é preciso tomar algunha medida extraordinaria para garantir o consumo e o abastecemento nestes espazos no caso de que a situación acabe por ser de emerxencia», comentou a edil.