Nesta ocasión serán incluídos tres novos lugares non visitados con anterioridade neste ciclo patrimonial, como son o pazo de Gandarón, a igrexa e mosteiro de San Salvador de Lérez e o barrio mariñeiro da Moureira
A reserva de prazas será habilitada o vindeiro luns, 11 de xullo, a partir das 17 horas na web oficial do programa www.patrimonioinvisible.gal
A terceira edición da Semana do Patrimonio Invisible xa é unha realidade. O ciclo de visitas especiais, que dá entrada a espazos ou lugares que decotío son imposíbeis de visitar, mais gardan un valor patrimonial ou histórico relevante. Nesta ocasión, as visitas serán desenvolvidas entre o 14 e o 16 de xullo, ambos os días incluídos.
Como é habitual, a nova edición permitirá o acceso a cinco espazos, sendo tres destes lugares novidade; é dicir, que nunca antes foron incluídos na Semana do Patrimonio Invisible, a saber:
- O pazo de Gandarón (onde se atopa a Misión Biolóxica)
- A igrexa e mosteiro de San Salvador de Lérez
- O barrio da Moureira
«As persoas que participen nesta nova edición poderán descubrir recunchos un tanto descoñecidos», explica Xaquín Moreda, edil de Patrimonio Histórico. «É posíbel que a nota máis novidosa sexa a da visita ao barrio da Moureira, un formato que aínda non fixeramos. Este barrio é o barrio mariñeiro de Pontevedra, cunha importancia histórica tan relevante como a cidade dentro da antiga muralla. Será unha visita realizada en colaboración co gremio de Mareantes, que tamén amosará documentación histórica. Incluirá varios recunchos da zona, incluíndo a ribeira dos Peiraos».
Doutra banda, tamén serán visitados dous espazos que gozaron de grande acollida na pasada edición:
- O Arquivo Histórico Provincial
- O depósito de auga e o cemiterio de Santo Amaro
Os grupos das visitas estarán conformados por un máximo de quince persoas «para manter e garantir o discurso narrativo e a protección dos elementos patrimoniais». En total, o Concello promoverá até 21 visitas, xa que no barrio da Moureira e no cemiterio de Santo Amaro faranse visitas dobres. Está previsto que pasen polo ciclo máis de 300 persoas.
Para formalizar as reservas, o vindeiro luns, 11 de xullo, ás 17 horas, será habilitado un formulario en liña a través da páxina web www.patrimonioinvisible.gal. É o sistema que xa foi usado en edicións anteriores. Para garantir o maior número de participantes posíbeis, cada persoa só poderá acudir a un máximo de 3 visitas, podendo reservar dúas prazas en cada unha. Cada día serán realizadas cinco circuítos, ás 11.00, 12.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas.