O Concello de Pontevedra manterá en tres días unha axenda institucional na que se inclúe un encontro coa alcaldesa de Estrasburgo, unha intervención no Foro organizado pola entidade Centre-Ville en mouvement no Parlamento Europeo, e unha reunión con autoridades locais no Consello de Europa para profundar no modelo Pontevedra.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o tenente de alcalde Tino Fernández, viaxan hoxe cara Estrasburgo para participar no segundo Foro do centro das cidades organizado no Parlamento Europeo pola entidade Centre-ville en mouvement, aproveitando a presidencia de Francia do Consello da Unión Europea.
O Concello aproveitou a viaxe institucional á Capital europea para organizar unha axenda que permitirá dar a coñecer o modelo de cidade noutras institucións europeas. De feito, esta mesma tarde manterán un encontro coa alcaldesa de Estrasburgo Jeanne Barseghián e responsables de mobilidade do municipio, que rematará cunha recepción oficial no propio Concello.
A xornada de mañá ten como axenda a intervención do alcalde no Parlamento Europeo. Será na mesa redonda “Mobilidade e peonalización: como facer os nosos centros urbanos máis accesibles e agradables”, xunto ás cidades de Liubliana (Eslovenia), e Lund (Suecia).
A viaxe institucional rematará o xoves, cando a delegación regresa a Pontevedra, logo de manter un encontro no Consello de Europa con autoridades locais tamén interesadas en coñecer os logos da cidade do Lérez.
O alcalde explicaba esta mañá que “a viaxe é un chanzo máis do modelo de Pontevedra”. Lembraba que se aproveita a mesa redonda no Parlamento europeo “para facer máis contactos de cara a proxección da cidade de Pontevedra. Todos estes impactos mediáticos que se conseguen coas viaxes son impagables dende o punto de vista da publicidade xa que suporía un gasto moito maior”.
“Encántanos falar de Pontevedra fóra de Pontevedra. As veces non podemos asistir aos eventos, pero creemos que é positivo para a cidade e seguirémolo facendo”, concluía Fernández Lores.