Despois dun parón de dous anos obrigado pola pandemia da Covid-19, o Open Cidade do Lérez de Taekwondo regresa este sábado 11 de xuño ao Pavillón Príncipe Felipe coa celebración da que será a súa novena edición. O evento, organizado polo Club Taekwondo Taekanart de Monte Porreiro en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra e a Federación Galega de Taekwondo, terá entrada de balde e desenvolverase en horario de 10:00 a 21:00 horas na modalidade de combate, en categorías infantil, precadete, cadete, júnior e sénior.
A competición conta con 367 deportistas e 32 clubs inscritos, procedentes de toda Galicia e de Portugal: 15 equipos da provincia de Pontevedra (AS Sport, Hebe, Kae Sport, Leam, Mace Sport, Mats, Número Phi, Patiño-Moaña, Polc Tkd International Team, Sares Tkd Cangas, Seung Sport, Sey, SSIU, Taekanart e Tao), 11 da de Coruña (Boudsport, Garrapucho, JFR Taekwondo, Kang, Kwon Betanzos, Malamia, Maniotas Noia, Natural Sport Ribeira, Suh Sport, Taekwondo Sada e TK Denodo), 2 da de Lugo (Arte e Movemento e Escola Lucense de Taekwondo), 1 da de Ourense (Couto) e 3 do país veciño (Atgaia, Jovens D’Ouro e Tidobok). Asemade, haberá 75 adestradores e delegados, 47 membros do equipo arbitral e 31 voluntarios.
Este IX Open Cidade do Lérez de Taekwondo foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a deputada provincial Raquel Giráldez; a vicepresidenta 1ª da Federación Galega de Taekwondo, Esperanza Meilán, e o responsable do Club Taekanart, Toño Ríos, quen fixo fincapé “no enorme éxito desta convocatoria, que pese a non contar este ano con participantes de comunidades veciñas como Castela e León e Asturias, sobrepasou con creces a previsión de entre 250 e 300 deportistas participantes que tiñamos inicialmente”. Neste mesmo sentido, Tino Fernández salientou “o enorme retorno que este evento supón para a nosa cidade a nivel deportivo, económico e turismo, xa que, sen contar ao público, unhas 520 persoas daranse cita o sábado no Pavillón Príncipe Felipe, entre taekwondistas, coach, delegados, árbitros e voluntarios”. “Moitos deles -lembrou o socialista- acudirán acompañados das súas familias”.
Rankeable para as seleccións autonómicas e con sistemas electrónicos de última xeración
O tenente de alcalde indicou que, ao estar contemplado no calendario oficial da Federación Galega de Taekwondo (tódolos participantes deben estar en posesión de licencia federativa), “será un campionato RG (Ránking Galego) en categorías cadete, júnior e sénior, o que quere dicir que os resultados traduciranse en puntos para os competidores de cara a chegar a formar parte das correspondentes seleccións autonómicas”. Os deportistas de categorías infantil, precadete e sénior competirán en horario de mañá, a partir das 10:00 horas, e o de cadete e júnior en horario de tarde, desde as 15:00 horas.
Tal e como indicou Toño Ríos, “o Open Cidade do Lérez, que se iniciou en 2011, volve ao Pavillón Príncipe Felipe con moitas gañas e forza tras un parón de dous anos pola pandemia, con oito pistas de combate e, ao seren rankeable, co emprego dos sistemas de última xeración Gen2 (petos e cascos electrónicos)”.
Esperanza Meilán agradeceu “un labor que non se ve, pero que é moi importante, que é a dos voluntarios, que están aí para antes, durante e despois, que son a parte invisible do campionato, pero que sen eles, non se podería facer”. A responsable da Federación salientou que o taekwondo “é sempre moi visible en Pontevedra grazas aos clubs que hai aquí, que pelexan moito para que se vexa”. “Convidamos a todo o mundo para que veña. Haberá categorías masculina e feminina con rangos de idade moi amplos. O combate é unha disciplina moi interesante -sinalou Meilán-, aínda que non se entenda moito deste deporte, que a nós apaixónanos dunha forma moi grande”.
Raquel Giráldez fixo fincapé no “firme compromiso da Deputación co fomento do deporte”, destacou “a traxectoria e traballo do Club Taekwondo Taekanart no concello e a provincia” e felicitou ao Concello e á Federación Galega “por organizar actividades como esta, que agardemos que teña a maior afluencia posible de participantes”.
Na súa intervención, Tino Fernández rememorou que, na súa primeira etapa como concelleiro de Deportes de Pontevedra, “daquela sabía pouco de taekwondo e, nada máis chegar á Concellería, fun convidado a unha entrega de medallas dun evento de taekwondo, tamén no Príncipe Felipe, e estaba ‘petado’ de xente”. “Descubrín que o taekwondo en Pontevedra non é que teña carácter de relixión, pero si unha importancia moi grande”, afirmou o tenente de alcalde, quen salientou o crecemento e “éxito absoluto” dun campionato que comezou co nome de Promesas do Lérez.
Fernández incidiu no elevado nivel do taekwondo en Pontevedra, coas recentes proclamacións dunha campioa de España universitaria e un subcampión sub-21, o que significa que se atopan “entre os mellores de Europa”. “Pero fóra do nivel de competición -afirmou o socialista- hai unha masa crítica detrás de rapaces e rapazas que lle dan vida e cor desde moi pequenos a un deporte que engloba moitas cousas: non só actividade física, senón tamén outros elementos como a solidariedade, o compañeirismo e o respecto, que me parecen fundamentais”.