A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, acometerá nas vindeiras semanas unha nova batida de limpeza e desbroce na parcela situada entre as rúas 12 de Novembro, Joaquín Costa, Estrada e As Hortas, na parte da pasarela sobre o tren máis próxima ao novo edificio dos Xulgados. Deste xeito, preténdese manter esta zona verde en perfectas condicións hixiénico sanitarias, eliminando maleza e malas herbas, e deixala acondicionada para a execución do futuro parque co que se lle dará continuidade á área recreativa da rúa José Adrio Barreira, unha vez que a Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) informe o proxecto e conceda a preceptiva autorización para as obras.
Así o anunciou o propio Iván Puentes esta mañá durante un encontro que mantivo cun grupo de veciños dun inmoble de Joaquín Costa cuxa medianeira dá cara a esta parcela, no que estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e mailo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e no que tamén se abordaron posibles solucións estéticas para harmonizar a nova área de lecer e xogo cos laterais dos edificios lindantes. “Este proxecto, que suporá un investimento de máis de 500.000 euros e que permitirá dotar á zona Leste da cidade dun enorme espazo verde entre o edificio dos Xulgados (nas proximidades de Santa Teresa de Jesús Jornet) e Loureiro Crespo, querémolo recollendo as necesidades e demandas dos veciños, cos que imos colaborar en todo aquelo que precisen”, asegurou o edil do PSOE.
Puentes explicou que “ao estar situada a parcela sobre a que se quere actuar sobre unha vía ferroviaria, ao igual que aconteceu co parque infantil de Médico Ballina, é preciso dispoñer previamente do permiso de Adif”. “Unha vez o teñamos -precisou o socialista-, poderemos poñer en marcha o procedemento de contratación das obras. É unha actuación absolutamente prioritaria para nós, xa que, grazas a ela, poderemos mellorar de xeito substancial as condicións de mobilidade peonil e a conexión de 12 de Novembro con Santa Teresa de Jesús, Amalia Álvarez, o edificio xudicial e a Estación de Ferrocarril”.
Nesta mesma dirección, a Concellería de Desenvolvemento Sostible ten xa moi avanzados os traballos de remodelación integral e mellora paisaxística do parque da Palmeira de Joaquín Costa, cun investimento duns 50.000 euros.
