Despois de que o mal tempo obrigase a suspender a actividade, prevista para principios de abril, o programa municipal A Vida é Movernos retoma este mes a celebración do seu agardado Obradoiro de Xadrez, organizado en colaboración coa Escola Xadrez Pontevedra. O taller, orientado aos niveis de iniciación a intermedio, desenvolverase na Alameda de Pontevedra o sábado 18 de xuño en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas e o domingo 19 de xuño entre as 10:00 e as 13:00 horas, impartíndose a entre 15 e 20 persoas de xeito simultáneo, baixo a coordinación de monitores da Escola.
O obradoiro impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde ten os obxectivos de ensinar o movemento das pezas e as normas básicas do xogo, amosar e fomentar as múltiples habilidades que ofrece e, sobre todo, de que os participantes desfruten xogando. Todas aquelas persoas que desexen participar deberán inscribirse previamente a través do teléfono/whatsapp 650 645 318 ou do email escola@xadrezpontevedra.com.
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, anima a tódolos pontevedreses “a apuntarse a este taller e a somerxerse neste apaixonante universo, xa que crenza de que aprender a xogar ao xadrez é moi difícil é totalmente equivocada: as regras son claras e sinxelas e poden aprenderse xogando e gozando desde o principio”.
A Escola Xadrez Pontevedra conta cun equipo de cualificados adestradores, pedagogos e mestres con titulación autonómica, nacional e internacional, cunha ampla experiencia no sector, e desenvolveu os seus propios manuais de ensino.
Os mestres que impartirán o curso son os seguintes:
– Daniel Rivera Kuzauka. Mestre Internacional de Xadrez , FIDE Trainer e seleccionador do equipo olímpico de Uruguai de xadrez.
– Pablo García Castro. Mestre Internacional de Xadrez, FIDE Trainer e licenciado en Ciencias do Deporte.
– Alba Piay García. Monitora autonómica de Xadrez e licenciada en Psicopedagoxía
– David Fernández Lago. FIDE Instructor e monitor de tempo libre
– Miguel Palacios González. Monitor autonómico de Xadrez e monitor de tempo libre