O Concello inicia o proceso de descarbonización dos edificios municipais e potenciará o seu autoabastecemento

A Concellaría de Réxime Interior vén de solicitar o certificado de eficiencia enerxética de Michelena 30, Pavillón Municipal, Pazo da Cultura, Teatro Principal e Casa Consistorial para determinar o consumo real e elaborar proxectos para a súa descarbonización. 

A Concellaría de Réxime Interior que xestiona Anabel Gulías vén de solicitar o certificado de eficiencia enerxética dos seguintes edificios municipais: Michelena 30, Pavillón Municipal, Pazo da Cultura, Teatro Principal e Casa Consistorial.  Con esta petición, a Concellaría coñecerá a situación real de consumo enerxético de cada instalación para iniciar o proceso de descarbonización de todos eles, achegándose a outro tipo de xestión enerxética centrada no autoabastecemento.

A estes edificios sumaríanse as rehabilitacións integrais do edificio do antigo Conservatorio, o denominado Laboratorio da creatividade, situado no edificio de Alfonso XIII, e ao edificio administrativo da rúa Churruchaos que se destinará a oficinas municipais. Os dous xa dispoñen do certificado enerxético que se incorporou aos proxectos de rehabilitación e xa recollen medidas de eficiencia enerxética. 

Os certificados de eficiencia enerxética agora solicitados coñeceranse nas vindeiras semanas e permitirán determinar o consumo real dos inmobles. Estes marcarán as liñas de traballo para a descarbonización como a colocación de paneis solares, a mellora das fachadas dos edificios, a substitución de fiestras e vidros, a impermeabilización, o uso de aerotermia… Adoptaranse as medidas que resulten máis acaídas para a situación.

Esta liña de traballo é coincidente coa filosofía do Efecto PO2 que está a marcar a liña de actuación da promoción da cidade nos últimos tres anos. En definitiva, trátase de buscar edificios máis eficientes, con menor pegada de carbono, máis sostibles, autosuficientes, ademais de tratar de rebaixar o consumo municipal, como xa se está a facer con outros proxectos no espazo público: como a substitución da iluminación pública tanto nos espazos rurais como na zona urbana.

Compartir publicación: