A subvención procede dos fondos NextGenerationEU da Unión Europea xestionados polo Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática para a transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais.
A concelleira de Réxime Interior, Anabel Guías, lembra que a modernización do sistema informática do Concello de Pontevedra xunto coa da Administración electrónica é unha das prioridades do mandato.
Unha das apostas lanzadas polo Goberno Municipal este ano tiña como obxectivo modernizar e mellorar a administración electrónica do Concello de Pontevedra.
Ao longo dos últimos tempos, «fixemos unha serie de cambios que cremos están a ter resultados moi positivos», explica a concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías. «Unha das cuestións que me prestaría resaltar é a reorganización do persoal de Concello, xa que foi neste mandato cando fusionamos o departamento de Informática co de Administración electrónica; mais tamén constituímos unha comisión da que forman parte diferentes funcionarios de secretaría, intervención, etcétera, para mellorar todos os procedementos que teñen que ver coa atención ao cidadán».
É nesta nomeada comisión onde se vén traballando na solicitude de fondos Next Generation e «felizmente», o Concello xa ten a confirmación de que recibirá axudas para poder seguir afondando na modernización da rede interna. As axudas europeas chegan até os 309.735,86 euros e cubrirán case o cen por cen das liñas de actuacións previstas. De xeito máis concreto, e grazas a estes fondos, o Concello procederá coa mellora do CPD (Centro de Procesamento de Datos). «Imos facer unha obra para a renovación parcial do noso CPD coa idea de aseguralo, confinalo nunha estrutura de corredor frío-quente que aumenta a seguridade e prevé fallos, e ademais abre a porta a un consumo menor de enerxía», sinala Gulías.
Doutra banda, a segunda liña de investimento dos fondos tamén permitirá unha modernización dos procesos a través da súa automatización e robotización. «Tentaremos sintetizar calquera proceso existente para que calquera trámite, no Concello de Pontevedra, sexa máis sinxelo por parte de xestionar polos traballadores, mais tamén pola banda dos veciños á hora de recibir calquera resolución».
Por último, «e máis nestes tempos», tal e como indica a concelleira, é preciso destinar parte da subvención á melloras na ciberseguridade. «Todos os recursos municipais deben ter plans de seguridade, pois cada sen máis os ataques deste tipo e todas as administracións debemos pornos as pilas á hora de frealos e protexer ao cidadán», explica Gulías. «O que imos facer é certificar os sistemas de información municipal, poñelos en consonancia co sistema nacional de seguridade español e dispor dun centro de operacións de seguridade, o que nos permitirá controlar en tempo real, as 24 horas e os sete días da semana a seguridade informática do Concello».
Os proxectos estarán cofinanciados polas axudas á transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais xestionadas polo Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationeEU da Unión Europea.