O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata o estanque do parque das Palmeiras, acompañado pola edil de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, para supervisar os excelentes resultados do proxecto de mellora paisaxística, limpeza e axardinamento levado a cabo neste emblemático espazo. Os traballos, completados cun orzamento duns 5.000 euros, incluíron a instalación dun novo sistema de rega e a subministración e plantación de especies vexetais axeitadas a zonas acuáticas: fíxose un xardín de vivaces na parte na que se atopan as antigas casetas dos patos, cunha composición na que as hortensias teñen protagonismo e que conta con plantas como as surfinias e outras variedades nas que a floración acada diferentes estacións do ano; e renováronse as macetas de planta acuática con papiros e cola de cabalo, acompañados de planta de flor e tapizante.
“A intervención completouse cunha limpeza en profundidade para a que tivo que baleirarse a auga do estanque (ese, e non precisamente o abandono, foi o motivo de que non tivese auga en días pasados) e terá continuidade con dúas accións que lle porán a guinda e nas que xa estamos a traballar. A primeira será a reposición dunha ducia de ras de bronce que presidían a zona exterior do estanque e que os vándalos foron rompendo e roubando, para as que xa temos encargado o molde. E por outra banda, estamos a estudar un posible contrato administrativo para a explotación dun servizo de barquiños teledirixidos do que poidan desfrutar nenos e nenas coas súas familias. O noso obxectivo é que este estanque recupere o seu esplendor e o lugar histórico que lle corresponde”, anunciou Iván Puentes.
Tal e como lembrou o concelleiro socialista, estes traballos veñen a rematar a segunda fase dun proxecto que permitiu poñer en valor e optimizar o sistema de deputación e esterilización do estanque do parque das Palmeiras e para o que xa se destinara unha achega económica de 12.500 euros. As obras que xa se tiñan executado permitiron a instalación dun dobre sistema de filtrado que facilitan o control automático dos niveis de cloro da auga e a súa esterilización mediante un tratamento con luz de raios ultravioleta, o que garante que estea nas mellores condicións de calidade e salubridade.
