Pontevedra converteu en hábito a súa doce e prolongada lúa de mel co piragüismo. Sen tempo para que os amantes deste deporte rei se poidan recuperar das emocións vividas nas últimas semanas, coa presenza de varios dos mellores padexeiros e padexeiras do mundo no Pontillón do Castro, o Complexo Deportivo David Cal de Verducido prepárase para volver vibrar co espectáculo da velocidade estes sábado 14 e domingo 15 de maio. Nesta ocasión, serán os e as piragüistas de categoría cadete os que midan a súa potencia e velocidade na Copa de España de Xoves Promesas, organizada pola Federación Galega de Piragüismo (FGP) e a Concellería de Deportes en colaboración coa Real Federación Española de Piragüismo e a Deputación, nas distancias de 1.000 e 500 metros.
Á cita acudirán un total de 448 padexeiros (277 home e 171 mulleres) procedentes de toda España, dos que 176 (case un 40%) son galegos, 61 de Andalucía, 45 de Asturias, 43 de Baleares, 26 do País Vasco, 25 de Madrid, 19 de Cataluña, 17 de Castela e León, 7 de Aragón, 6 de Valencia, 5 de Catela A Mancha, 5 de Estremadura, 4 de Cantabria, 4 de Murcia, 3 de Navarra e 2 de Ceuta. Tal e como explica o presidente da FGP, Alfredo Bea, “en Verducido poderemos ver competir a 562 embarcacións de categorías K-1, C-1, K-2, K-4, C-2, C-4 e Paracanoe, nun evento de máximo nivel, coa participación das nosas futuras estrelas e, polo tanto, dos padexeiros e padexeiras que dominarán o deporte a nivel europeo e mundial e que seguirán a ensanchar o palmarés de medallas de Galicia e de España”.
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, amosou a súa “enorme satisfacción coa historia de amor e colaboración institucional que a cidade de Pontevedra ten co piragüismo e coa Federación, acollendo case cada semana eventos dunha calidade estratosférica”. O edil do PSOE convidou “a amantes deste deporte e a aqueles que non o coñecen tanto a achegarse ata o Pontillón para desfrutar desta disciplina de sprint, que é emocionante e espectacular como poucas”.
As probas desenvolveranse o sábado 14 de 9:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas e o domingo 15 entre as 9:00 e as 13:20 horas. As embarcacións de C-1 e K-1 masculinas completarán distancias de 1.000 metros e as de C-1 e K-1 femininas e K-2, C-2, K-4 e C-4 (tanto masculinas como femininas e mixtas), de 500 metros.