O Ganapán conmemora esta fin de semana o Día das Letras Galegas e o Día Internacional dos Museos con talleres de xoiería de letras, creación de cadros con técnica de gravado e elaboración de tortas de requeixo e pirámides de coco e chocolate

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica no Mercado de Abastos de Pontevedra, prepárase para conmemorar dúas datas moi sinaladas do calendario cultural. As actividades deseñadas para nenos e nenas de 4 a 10 anos estarán especialmente orientadas a conmemorar o Día das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Internacional dos Museos (18 de maio).


A programación dará comezo o sábado 14 de maio cun taller no que os rapaces poderán elaborar algo tan típico para festexar as Letras Galegas como unha queixada galega, unha torta súper cremosa cun sabor singular, e un obradoiro de xoiería de letras no que os máis pequenos confeccionarán pulseiras con mensaxes e palabras galegas. “A diversión continuará o sábado 15 de maio, xornada na que, para celebrar o Día Internacional dos Museos, desenvolveranse un taller de elaboración de pirámides de coco e chocolate que, a diferencia das exipcias, non son eternas e non van durar moito no prato, e outro no que O Ganapán se converterá nun particular museo e os rapaces farán cadros empregando a técnica do gravado”, explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.


Tódalas actividades darán comezo ás 12:00 horas e, para participar nas mesmas, será preciso inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración dos talleres, indicando posibles alerxias ou intolerancias. Recoméndase portar friameira para levar a casa as deliciosas receitas cociñadas.

Compartir publicación: