O alcalde da cidade recibe o alumnado de Barcelos durante a súa clase práctica de educación viaria impartida pola Policía Local

As crianzas valoraron moi positivamente a actividade, quedando sorprendidas con algúns puntos de normativa e satisfeitos de comprobar que a contorna da cidade e segura para as bicicletas 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou unha clase práctica do curso de formación de educación viaria que a Policía Local está a facer en diferentes centros da cidade. Nesta ocasión, o alumnado presente era do CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos, concretamente de sexto de primaria.

A rapazada, que fixo un percorrido guiado por diferentes espazos da cidade en bicicleta ou patinete, fixo un balance moi positivo da experiencia. Diferentes nenos e nenas sinalaron que descoñecían algunhas normas de circulación e convivencia que a Policía Local lles ensinou ao longo da mañá, mais quedaron sorprendidos coa seguridade da cidade á hora de poder circular pola calzada sen medo dos vehículos.

O axente Maya comentou que o obxectivo da práctica é «levar a aula até a rúa, que esta se converta nunha aula». «Tentamos centrar as condutas aprendidas e evitar vicios, explicarlles como circular en bicicleta pola cidade de maneira seguro, sobre todo tendo en conta que esta é unha cidade que se presta para iso. Estamos convencidos que este tipo de prácticas evitarán moitos problemas de cara ao futuro», explicou o membro do corpo, que tamén sinalou que o máximo medo que tiñan é o de baixar coa bicicleta á calzada, pero «a base de circular e ver que é seguro» un xeito moi válido para fomentar o uso da bicicleta entre as crianzas.

O rexedor da cidade comentou que estaba «encantado» de poder retomar este tipo de clases e propostas de formación cos nenos e nenas para que coñezan as normas de circulación na cidade en monopatín ou en bicicleta, amais de mandarlle un sinal de agradecemento á Policía Local pola súa «participación activa nesta cuestión».

«Toda a ordenanza que temos aprobada en relación coas novas normas de circulación debemos achegarllas a todos os usuarios, e aí entran tamén os nenos e as nenas destas idades. Queremos que utilicen a bicicleta de xeito seguro, e se ben temos unha cidade na que o máis habitual é andar, tamén cabe este vehículo ou semellantes para desprazamentos medianos ou longos con todo tipo de garantías», sinalou o alcalde. «Trátase de evitar a motorización dentro da propia cidade na procura dunha mellora medio ambiental, e os cativas e as cativas son os futuros cidadáns que se beneficiarán disto. Está sendo un éxito, tanto nenos, coma profesores, coma a propia Policía están gozando moito coa actividade».

Compartir publicación: