Retira a cápsula do fuste dos 33 farois que se atopaban corroídos, limpa as columnas e incrementa unha liña de led en cada unha das luminarias.
O Concello de Pontevedra iniciou nestes días un arranxo integral da iluminación pública da rúa San Antoniño para que se axuste aos estándares de calidade luminosa do resto da cidade, e para reparar danos existentes nos fustes dos farois.
Os traballos que se dirixen dende a Concellaría de Mantemento de Espazos Públicos que dirixe Eva Vilaverde consisten na limpeza dos 33 farois da rúa retirando pintadas, adhesivos e calquera outro elemento que supoña unha degradación das luminarias.
O departamento retira a base dos 33 fustes porque se atopan en mal estado e corroídas, e coloca unha nova cápsula. O mantemento remata co pintado da columna e o incremento dunha fila led en cada luminaria que permitirá un aumento da potencia de iluminación en toda a rúa.