Pontevedra disporá de recollida de voluminosos na rúa e puntos limpos fixo e móbil co novo contrato de xestión de residuos

Os puntos limpos están pensados para aqueles residuos que están fóra do servizo diario de recollida de colectores: móbeis, entullos de pequenas obras domésticas, vidros de gran volume…

Pontevedra xestionou o pasado ano 270.380 quilos de residuos voluminosos (móbeis, electrodomésticos…) a pé de rúa ou no punto limpo que a concesionaria Prezero ten no Polígono industrial do Campiño, segundo as cifras que obran no departamento de xestión de residuos que dirixe o concelleiro Raimundo González Carballo. Esta cifra foi crecendo dende o ano 2010 cando se contabilizaban pouco máis de 87.000 quilos, é dicir, once anos despois a cifra multiplicouse por tres.

O concelleiro Raimundo González entende que este tipo de residuos supoñen unha especial problemática para os fogares dos pontevedreses e pontevedresas xa que se tratan de elementos de moito volume ou con certo risco para a saúde como, por exemplo, restos de pequenas obras domiciliarias, aceites minerias, residuos de madeira como mobles, caixas, táboas, cristais, metais (férricos e non férricos), colchóns, somieres ou certos residuos perigos que pode haber nun fogar como pinturas, vernices…

O departamento de xestión de residuos tiña claro que este era un servizo que se tiña que ver potenciado no próximo contrato, por iso fai fincapé nel e esixe a prestación destes dous servizos: a recollida de voluminosos a pé de rúa e a creación de dous puntos limpos no concello: un fixo e outro móbil.

O punto limpo (tanto fixo como móbil) seguirá concebido como unha instalación gratuíta onde se efectúa a recepción de residuos domésticos e asimilables que non son obxecto habitual do servizo de recollida ordinaria. Son aqueles que non teñen canalización de recollida diaria nin domiciliaria, e en ningún caso se trataría dun vertedoiro, senón dun lugar onde se almacenan temporalmente os residuos para ser tratados, posteriormente, por xestores autorizados.

O sistema de recollida a través do punto limpo ten como obxectivo previr as consecuencias negativas que poidan xerar os residuos “perigosos do fogar” e a contaminación secundaria dos seus subprodutos, así como servir os cidadáns como centro de achega voluntaria para a recollida selectiva dos residuos producidos no ámbito domiciliario.

A empresa licitadora deberá desenvolver a súa proposta especificando persoal, horario de apertura e peche así como lugar de entrega dos residuos. O punto limpo deberá estar aberto e a disposición do público polo menos cinco días por semana, e a lo menos un día do fin de semana.

O Concello aposta pola creación dun punto limpo fixo que estará onde a empresa adxudicataria do novo contrato decida, e por outro móbil cuxo funcionamento tamén dependerá da oferta que faga a empresa que gañe o contrato. Está obrigada a poñer a disposición dos cidadáns un número de teléfono onde lle informarán destes servizos, a forma e os horarios de recollida de residuos susceptibles de recollida separada.

A xestión do punto limpo suporá para a empresa concesionaria:

  • Recibir e xestionar correctamente os residuos perigosos xerados nos fogares como pilas, restos de pinturas y vernices, fluorescentes, baterías, radiografías, restos de produtos de limpeza, aceites vexetais e minerais usados, etc., así como outros residuos como papel, vidro, latas, etc, en instalacións adecuadas.
  • Rexistro de entradas e saídas con identificación dos responsables dos que fan entregas se así como dos xestores autorizados que realizan a súa recollida.
  • Segregación dos materiais recibidos.
  • Dotación da maquinaria e de persoal
  • Apertura de cinco días por semana.
  • Traslado de tódolos residuos recuperados as instalacións adecuadas para o seu tratamento.

Recollida de voluminosos

A creación dos dous puntos limpos irá acompañada do servizo de retirada de residuos voluminosos a pé de rúa existente na actualidade no concello. O seu funcionamento potenciarase ao respecto da actual prestación, se ben será a empresa encargada do novo contrato a que decidirá o número de días de retirada e cal será o sistema de depósito e recollida máis axeitado.

Este sistema, ao igual que o de puntos limpos, terá que ser debidamente publicitado entre a poboación para acadar un bo funcionamento do servizo.

Compartir publicación: