O espectáculo da Compañía Kirenia Danza fará este sábado un eloxio aos coidados e Abrahan Cupeiro recuperará “Os sons esquecidos” na súa actuación do domingo pola tarde
Híbridas en Santa Clara, o programa cultural do Concello de Pontevedra para a Igrexa do convento de Santa Clara, continúa a sumar éxitos. Logo dos cheos de Camerata Arven e Catro Cores de principios de semana, o sábado chégalle a súa quenda á danza. Este ciclo escénico pretende achegar historias que falan de coidados, da vulnerabilidade ou de como os espazos condicionan aos corpos das persoas.
Este sábado, 16 de abril, a partir das 20.00 horas, a compañía de danza contemporánea Kirenia Danza porá en escea Primeiro a vida! Unha peza que é un eloxio aos coidados xa que todas as persoas son vulnerables e poden precisar coidar e ser coidadas.
Kirenia Danza é partidaria da intervención en temas e cuestións que van máis aló dos clásicos da danza. Afondan, especialmente, nos retos emerxentes da sociedade contemporánea.
O domingo 17 de abril, ás 13.30 horas, retornará á Igrexa de Santa Clara o ciclo Sons no Retablo que pretende recordar o lugar que foi escenario das músicas de coros, agrupacións de música sacra e outros sons propios do pasado. Nesta ocasión será coa interpretación de Abrahan Cupeiro que recuperará “Os sons esquecidos”.
Abraham Cupeiro caracterízase pola recuperación de instrumentos perdidos no tempo e empregalos para crear novas sonoridades e imbricalos en músicas alleas a eles.
Híbridas en Santa Clara é o nome que fai de paraugas a seis ciclos distintos que agrupan unha serie de espectáculos de índole variada e ecléctica, que van desde a danza ao cinema, a música ou a interpretación. Levan por nome: Mesturas, Danza, Desconecta, Sons no Retablo, Pianos e Música sen Palabras. Trátase dunha mestura heteroxénea, que pon o foco no talento local e de proximidade, e que amosará o inxente bo facer dos artistas galegos que compoñen a programación.
A entrada para todas as actividades será de balde até chegar ao límite do foro. É dicir, non será precisa ningunha reserva para ningunha das actuacións. Porén, desde o Concello de Pontevedra ofrécese o consello de tentar acudir con tempo a calquera delas, para non quedar sen un dos prezados sitios. Por norma xeral, haberá 155 cadeiras.