- Arredor de 138 deportistas participarán o sábado 16 de abril pola tarde neste evento, completando un circuíto de ciclismo e carreira a pé que se desenvolverá no treito da avenida de Bos Aires entre as pontes dos Tirantes e A Palabra
- A saída da proba masculina terá lugar ás 16:00 horas e a da feminina ás 17:30 horas. A competición, organizada pola Fegatri en colaboración coa Concellería de Deportes, abrangue as categorías Absoluta, Sub 23, Júnior, Veteráns e de Clubs
A capital do deporte ao aire libre volverá exhibir as súas mellores galas esta fin de semana de bo tempo para acoller o espectáculo do Campionato Galego de Duatlón Sprint – Pontevedra 2022, que reunirá a arredor de 138 deportistas no contorno natural do paseo fluvial do Lérez e a Illa das Esculturas. A competición, organizada pola Federación Galega de Triatlón (Fegatri) en colaboración coa Concellería de Deportes, desenvolverase o sábado 16 de abril pola tarde, con saídas conxuntas para tódolos participantes de cada proba: a masculina terá saída ás 16:00 horas e a feminina ás 17:30 horas, abranguendo as categorías Absoluta, Sub 23 (20-21-22 e 23 anos), Júnior (18 e 19 anos), Veteráns I (40-49), II (50-59) e III (60 e máis) e de Clubs.
Os duatletas deberán completar un circuíto de distancia Sprint que discorrerá esencialmente polo treito da avenida de Bos Aires entre as pontes dos Tirantes e A Palabra, con 5 kilómetros iniciais de carreira a pé, 18 kilómetros de ciclismo e outros 2,5 kilómetros a pé. O evento foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que estiveron presentes Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes; Anais Rivas, representante da Fegatri, e Enrique Hernández, presidente do Triatlón Rías Baixas, club organizador da competición.
Tal e como salientou Tino Fernández, “trátase do campionato de duatlón de estrada máis importante a nivel autonómico, coa participación de duatletas que veñen de clasificarse nas probas anteriores desputadas en Poio, Lugo, Santiago e Vimianzo e os máis destacados de cada equipo”. Serán 81 deportistas na proba masculina e 57 na feminina, que abranguen a un total de 21 equipos galegos e a tódalas categorías.
O tenente de alcalde asegurou que “o deporte segue en Pontevedra mesmo nos días de vacacións, durante a Semana Santa, non paramos, e neste caso cun Campionato Galego de Duatlón Sprint que se vai desenvolver o sábado nun territorio do que é un luxo dispoñer con fins deportivos, como é todo o contorno do río Lérez, a Illa das Esculturas, a avenida de Bos Aires e a zona da praia fluvial”. “Un espazo único -sinalou o edil do PSOE- ou dos mellores que se poden atopar na nosa comunidade para celebrar unha proba deste tipo, que se o tempo acompaña, que o vai facer, estamos convencidos de que vai ser un éxito de público. En Pontevedra, todo o relacionado co duatlón e o triatlón ten un tirón especial e, desde o punto de vista estético e de visibilidade, é unha competición que merece moito a pena. Ademais, ao ser sprint, é unha proba máis rápida e dinámica”.
Anais Rivas coincidiu en que “non existe mellor lugar que Pontevedra para albergar este campionato, xa que sabemos que a Boa Vila é sinónimo de éxito para eventos deportivos e esta cidade e o seu Concello son referentes nacionais e internacionais no duatlón e o triatlón e é ben coñecida a súa implicación e capacidade organizativa”. A representante da Fegatri agradeceu o esforzo do Triatlón Rías Baixas e de tódolos colaboradores e voluntarios e voluntarias que axudarán esta fin de semana a facer realidade esta competición.
Pola súa banda, Enrique Hernández afirmou que, se ben a proba foi organizada “nunhas datas complicadas, como son as de Semana Santa, hai que ser dinámicos e pensar que a Semana Santa pode selo para moitas cousas”. O presidente do club organizador amosouse convencido de que “a proba será un total éxito, por varios motivos: primeiro, por un contorno privilexiado, sobre o que fixemos unha modificación que cremos que lle vai dar unha maior vistosidade ao percorrido, que pasará pola ponte da Palabra (o segmento ciclista achegarase bastante ao Mosteiro de San Benito); e tamén porque se trata dunha proba de duatlón sprint con tres sectores e na que estarán, non digo os mellores, pero si todos os que teñen que estar”.
Hernández fixo fincapé no feito de que haxa “unha gran representación de deportistas veteráns, que non só poñen en valor este deporte, senón que amosan capacidade, sacrificio e exemplo para as novas xeracións, algo que desde o noso club queremos subliñar: a nosa razón de existencia é deixar unha pegada”.
O acto de entrega de premios dará comezo ás 19:15 horas na ponte dos Tirantes, repartíndose un total de 1.000 euros para os primeiros clasificados en categorías masculina e feminina e de clubs:
1º Clasificados masculino e feminina: 150 €
2º Clasificados masculino e feminina: 100 €
3º Clasificados masculino e feminina: 50 €
Primeiros clubs masculino e feminino: 200 €






