Tralo éxito da súa primeira edición, celebrada a finais do ano pasado no Pavillón Municipal dos Deportes, o programa municipal A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, volve organizar uns novos talleres de Defensa Persoal Feminina impartidos polo Club Taekwondo Taekanart. Os obradoiros desenvolveranse o martes 19 e o xoves 21 de abril e o martes 3 e o xoves 5 de maio no pavillón do IES Luis Seoane, en horario de 19:30 a 21:30 horas. As inscricións poderán realizarse de balde a través do email anpaluisseoane@gmail.com ou do whatsapp 609 82 12 71.
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, lembra que “esta actividade ten entre os seus obxectivos achegar unha serie de ferramentas e habilidades que reforcen as actitudes mentais e corporais e desenvolver a mobilidade corporal, as capacidades de anticipación, esquiva, evasión e acción-reacción, a capacidade de toma de decisións e iniciativa ou a reacción ante a ameaza ou a agresión”. “Sempre cunha finalidade óptima: a evasión e fuxida”, apunta o edil do PSOE.
En aulas de dúas horas, as mulleres que participen terán a posibilidade de facerlle fronte ao problema da violencia machista desde un prisma global, asimilando coñecementos, actitudes e técnicas ante situacións de agresión. Trátase de coñecementos sinxelos sobre cuestións como as reaccións máis oportunas ante as agresións máis comúns, pero tamén de preparación física e psíquica fronte a situacións impactantes ou traumáticas.
“A Vida é Movernos pretende deste xeito axudar ás mulleres a superar os seus medos, reforzar a súa autoestima, valía e propio recoñecemento e dotalas de poder e ferramentas para respostar e saír indemnes”, subliña Tino Fernández.
Os talleres contemplan aspectos psicolóxicos (que permiten afrontar o conflito sen sometemento e con capacidade para a toma de decisións), legais (polo coñecemento básico necesario do noso ordenamento xurídico), estratéxicos (que van permitir unha decisión correcta trala avaliación do conflito), físicos (que teñen que ver coas cualidades, habilidades persoais e técnica defensiva) e de prevención. Entre as cuestións que se abordan inclúense:
1. Lograr saír ilesas ou co mínimo dano.
2. Utiliza-la máxima enerxía na defensa.
3. Realizar teatro de submisión para conseguir o obxectivo final.
4. Conseguir involucrar a terceiras persoas na acción.
5. Utilizar os leitos legais de protección e denuncia.
