Híbridas en Santa Clara achega a música de cámara a Pontevedra da man de Camerata Arven e Catro Cores

Continúa o programa cultural na Igrexa do Convento de Santa Clara, logo do exitoso comezo na pasada fin de semana.

O ciclo Sons no Retablo estréase con Camerata Arven despois de que o domingo tivera que aprazarse a actuación de Madrigalista e quinteto Rubato. 

Híbridas en Santa Clara, o programa da Concellaría de Dinamización Sociocultural que xestiona Carme da Silva que descubre as infinitas posibilidades da Igrexa do Convento de Santa Clara como espazo cultural, continúa mañá logo do seu exitoso arranque a pasada fin de semana.

Á nova vida do antigo templo súmanse mañá e o mércores as actuacións de Camerata Arven e Catro Cores, incluídas dentro dos ciclos Sons no Retablo e Mesturas, respectivamente. Camerata Arven será a primeira actuación de Sons no Retablo logo do aprazamento da Missa pro natura de Capela Madrigalista e Quinteto Rubato prevista para onte. Sons no Retablo recorda o lugar que foi escenario de coros, agrupacións de música sacra e outros sons propios do pasado; e o segundo ten como eixo principal á muller, amosando o talento das intérpretes galegas.

Camerata Arven actuará na Igrexa de Santa Clara mañá, 12 de abril, ás 20 horas. É unha agrupación de músicos profesionais con experiencia no ámbito da interpretación e a docencia. É un conxunto dinámico en canto ao repertorio; o seu principal obxectivo é fomentar o interese pola extensa literatura da música de cámara a través dunha programación variada e orixinal, tendo en conta o conxunto de artes escénicas que forman o teatro, a danza e a literatura.

O mércores, 13 de abril, actuará Catro Cores no marco do programa Mesturas.  O cuarteto está formado por trompas galegas que levan experimentado durante anos o que é tocar xuntas no seo dunha orquestra sinfónica. En 2014 decidiron extrapolar esa boa conexión sonora ao terreo da música de cámara co fin de achegar a música a todo tipo de público. A actuación comezará ás 20.00 horas.

Híbridas en Santa Clara é o nome que fai de paraugas a seis ciclos distintos que agrupan unha serie de espectáculos de índole variada e ecléctica, que van desde a danza ao cinema, a música ou a interpretación. Levan por nome: Mesturas, Danza, Desconecta, Sons no Retablo, Pianos e Música sen Palabras.  Trátase dunha mestura heteroxénea, que pon o foco no talento local e de proximidade, e que amosará o inxente bo facer dos artistas galegos que compoñen a programación. 

A entrada para todas as actividades será de balde até chegar ao límite do foro. É dicir, non será precisa ningunha reserva para ningunha das actuacións. Porén, desde o Concello de Pontevedra ofrécese o consello de tentar acudir con tempo a calquera delas, para non quedar sen un dos prezados sitios. Por norma xeral, haberá 155 cadeiras.

Compartir publicación: