O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, vén de asinar o documento de contratación das obras que permitirán substituír os actuais valos de obra que protexen o perímetro do Paseo de Valle-Inclán, no parque de Campolongo, por un valado máis estético e seguro, de metro e medio de altura. As actuacións, que serán executadas pola firma Construcciones Obras y Viales SA, contan cun orzamento de 28.421,21 euros e suporán a creación de diversas zonas de paso intermedias por lugares seguros para conectar a rúa Iglesias Vilarelle coa senda que se fixo polo lado dos colexios (EEI Crespo Rivas e CEP Campolongo), evitando ter que rodear toda a área valada e mellorando a mobilidade.
Ademais, tal e como explicou Iván Puentes no transcurso dunha visita sobre o terreo en compañía do xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, “esta intervención completarase coa extensión da actual senda desde a EEI Crespo Rivas ata a zona final da Praza da Constitución e coa construción dunha senda semellante a esta polo lado de Iglesias Vilarelle, de xeito que, en conxunto, poderemos recuperar a mobilidade por ámbalas marxes da canle do Gafos entre a Praza da Constitución e Xeneral Rubín, con conexións intermedias”. En paralelo, a Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou outros 19.877,28 euros a un proxecto de mellora integral de toda a Praza da Constitución e o contorno do parque infantil de Campolongo, incluíndo a nivelación do pavimento e eliminación de fochas, a mellora das canalizacións de augas pluviais, o pintado de diversos elementos e a reparación e limpeza de bancos e mobiliario (xa foron restaurados tódolos bancos do contorno da igrexa e mailo parque infantil). “Este último contrato, adxudicado á firma Garocaprim SL, tamén contempla a instalación dunha vintena de novos bancos no propio Paseo de Valle-Inclán, a Praza da Constitución e a zona do paseo que discorre despois de Iglesias Vilarelle, segundo petición expresa dos veciños de Campolongo”, subliñou Puentes.
O edil do PSOE asegurou que “á espera de que se lle poida dar a solución definitiva que todos agardamos, a través do proxecto para destapar e restaurar ecoloxicamente o treito urbano do río dos Gafos, e en tanto que non se resolve o concurso internacional de ideas e as solicitudes de financiamento que temos pedidas (por valor duns 4 millóns de euros), manteremos a actual ‘tapa’ da canle valada, nas mellores condicións estéticas e de seguridade. Neste sentido, Iván Puentes indicou que o Concello xa ten asinado o contrato co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) “e o único trámite burocrático que queda pendente é notificarllo oficialmente para que poidan poñer a maquinaria a funcionar e lanzalo, algo que agardamos facer nos vindeiros días”.
Puentes lembrou que o concurso de ideas para a recuperación e restauración ecolóxica do tramo urbano soterrado do Gafos “permitirá seleccionar a proposta gañadora, isto é, a adxudicataria do primeiro premio, que será a redacción do proxecto de execución da actuación”.


