Search
Close this search box.

O Ganapán regresa esta fin de semana con receitas de empanadas de plátano recheas de chocolate e galletas Havanna de limón e chocolate e celebrando o Día do Libro Infantil e Xuvenil cunha eiruga moi larpeira

A xolda regresa esta fin de semana ao Gastroespazo do Mercado de Abastos da man do programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica, que desenvolverá un atractivo programa que incluirá divertidos talleres de cociña e manualidades para nenos e nenas de 4 a 10 anos. Os obradoiros darán comezo o sábado 2 de abril cunha actividade na que os máis pequenos poderán elaborar empanadas de plátano con recheo de chocolate e outra na que, co gallo do Día do Libro Infantil e Xuvenil, a rapazada creará ao protagonista dun dos seus contos preferidos: unha eiruga moi larpeira á que lle gusta moito ler e que servirá ademais de lapiseiro. 


Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “os talleres continuarán o domingo 3 de abril no Espazo Gastro co cociñado dunha receita de galletas Havanna de limón e chocolate, e no Espazo Crea, coa confección dun elefante, símbolo de boa sorte, cunha trompa moi longa”.


“Como de costume, haberá dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e todos aqueles nenos e nenas que desexen participar deberán reservar praza previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao de celebración das actividades. É moi recomendable traer friameira para levar a casa as receitas elaboradas”, sinala Blanco.

Compartir publicación: