Desenvolvemento Sostible pon en marcha o proxecto de renovación integral do parque infantil para os máis pequenos nas Palmeiras cun orzamento duns 44.000 euros

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, vén de poñer en marcha os traballos de renovación integral do concorrido parque infantil para os máis pequenos (nenos e nenas de 3 a 12 anos) nas Palmeiras. As actuacións, executadas pola firma Garocaprim SL e nas que o Servizo Municipal de Parques e Xardíns investirá unha achega de 43.820,15 euros, obrigarán a pechar o recinto durante unhas tres semanas e contemplan a reparación da totalidade dos elementos de xogo existentes, coa substitución daqueles que se atopan en avanzado estado de desgaste.


Segundo indicou esta mañá Iván Puentes durante unha visita ao parque para supervisar o comezo das obras, “o proxecto iniciouse coa retirada do pavimento deteriorado e incluirá o pintado e mellora estética das diversas estruturas, así como a eliminación de pintadas e o lixado e tratamento das madeiras”. “Asemade -subliñou o edil do PSOE, que estivo acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e por responsables de Garocaprim-, crearase unha rampla de acceso á zona de xogo, o que eliminará o problema de accesibilidade que crea a pequena elevación da superficie de lecer infantil sobre a cota das sendas do parque”.


Por último, está prevista a renovación completa do pavimento amortecedor conforme á normativa UNE, mediante creación de firme de capa de caucho de SBR (estireno-butadieno, un elastómero sintético empregado na fabricación de pneumáticos).


Tal e como enfatizou Puentes, “esta intervención segue a liña de procura da excelencia e da eliminación de riscos que a Concellería de Desenvolvemento Sostible está a implementar para optimizar a calidade e as condicións de seguridade da rede de instalacións de xogo de Pontevedra”, polo que “unha vez rematados os traballos, o parque someterase ao pertinente proceso de certificación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac)”.

Compartir publicación: