O programa O Teu Cole na Historia, impulsado pola Concellería de Educación en colaboración co equipo creativo de Polo Correo do Vento, continúa a súa rolda de obradoiros divulgativos polos centros educativos participantes na iniciativa. Nesta ocasión, Kike Mauricio e Carlos Taboada, acompañados polo músico Antón Ke, desprazáronse ata o CEIP Daría González para compartir cun grupo de 20 nenos e nenas de Infantil e outro de 25 alumnos e alumnas de Primaria a historia que habita no mural realizado no colexio baixo o paraugas deste proxecto.
Nesta peza, Mauricio e Taboada resaltaron a figura da propia mestra e política galeguista que dá nome ao colexio, así como a fermosa vista da ría de Pontevedra e da Illa de Tambo que ten o centro educativo, o Hospital de Montecelo, o Carballo de Santa Margarida con Frei Martín Sarmiento, a agrupación de música tradicional Os Alegres e un moucho desde o Mirador de O Picoto.
