O programa municipal A Vida é Movernos, impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde, regresará a segunda fin de semana de abril cun Obradoiro de Xadrez organizado en colaboración coa Escola Xadrez Pontevedra. O taller está orientado aos niveis de iniciación e intermedio e ten os obxectivos de ensinar o movemento das pezas e as normas básicas do xogo, amosar e fomentar as múltiples habilidades que ofrece e, sobre todo, de que os participantes desfruten xogando.
O obradoiro celebrarase na Alameda de Pontevedra e estará coordinado por monitores da Escola, impartíndose a entre 15 e 20 persoas de xeito simultáneo. A actividade desenvolverase o sábado 9 de abril en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas e o domingo 10 de abril entre as 10:00 e as 13:00 horas.
Tal e como avanza o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “a Escola Xadrez Pontevedra conta cun equipo de cualificados adestradores, pedagogos e mestres con titulación autonómica, nacional e internacional, cunha ampla experiencia no sector, e desenvolveu os seus propios manuais de ensino”. “A crenza de que aprender a xogar ao xadrez é moi difícil é totalmente equivocada. As regras son claras e sinxelas e poden aprenderse xogando e gozando desde o principio. Trátase dun mundo máxico, cheo de historia, cultura, arte e fantasía, que atrapa desde o primeiro instante”, subliña o edil do PSOE.
Os mestres que impartirán o curso son os seguintes:
– Daniel Rivera Kuzauka. Mestre Internacional de Xadrez , FIDE Trainer e seleccionador do equipo olímpico de Uruguai de xadrez.
– Pablo García Castro. Mestre Internacional de Xadrez, FIDE Trainer e licenciado en Ciencias do Deporte.
– Alba Piay García. Monitora autonómica de Xadrez e licenciada en Psicopedagoxía
– David Fernández Lago. FIDE Instructor e monitor de tempo libre
– Miguel Palacios González. Monitor autonómico de Xadrez e monitor de tempo libre
Todas aquelas persoas que desexen participar deberán inscribirse previamente a través do email escola@xadrezpontevedra.com