Os Xardíns que Falan fanse eco do 8M e do Día da Clase Obreira Galega

Nesta semana de xornadas conmemorativas, os Xardíns que Falan, o proxecto impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para converter os espazos da rede Verde Urbano en elementos vivos, dinámicos e con mensaxe, volven alzar a súa voz e amosar o seu lado máis reivindicativo.


Así, con motivo deste 8M, conmemoración do Día Internacional da Muller, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns levou a cabo a renovación das flores e plantas da intervención de katiuskas violetas que se instalara na Praza de España durante o pasado 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Tal e como explica Iván Puentes, “o que fixemos foi actualizala, cambiando a planta, pero mantendo o mesmo deseño, motivo e composición”.


No caso dos Xardíns de Castro San Pedro (Praza de Ourense), Desenvolvemento Sostible realizou unha intervención con dúas bágoas de flores vermellas, diversos elementos que evocan á clase traballadora e unha bandeira de Galicia, coa que se pretende conmemorar o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. “A nosa intención -sinala Puentes- é lembrar o acontecemento que deu orixe á declaración deste día, cando a policía franquista disparou contra unha protesta nos estaleiros ferroláns de Bazán, asasinando aos sindicalistas Amador Rey e Daniel Niebla e ferindo a medio centenar de manifestantes”.

Compartir publicación: