As pezas artísticas recibirán un tratamento anti graffiti que permitirá unha limpeza máis doada e barata no caso de se producir novos incidentes no futuro
O concelleiro de Patrimonio Histórico indicou que se crearán diversos falangullos que poderán ser utilizados como audio guías, amais de paneis informativos con información sobre as obras
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, informou esta mañá da posta en marcha dun proxecto de arranxo e posta en valor do conxunto escultórico da Illa de Covo. A actuación será dividida en dúas fases distintas, comezando a primeira de xeito inmediato, que inclúe traballos de limpeza, mantemento e prevención; e unha segunda máis destinada á promoción, contextualización e posta en valor das figuras; que se realizará ao longo do primeiro semestre do ano.
Moreda lembrou que esta mostra artística está composta por unha ducia de obras de autores de renome internacional, que ten como elemento común o granito galego. «A calidade das obras expostas fan deste espazo un dos museos ao aire libre máis importantes e mellor dotados do país», sinalou o edil.
Nos últimos anos, a Illa do Covo foi un espazo que recibiu diversas melloras na súa contorna, o que derivou nunha chegada cada vez maior de xente, que ve neste lugar unha zona idónea para o paseo, o descanso ou o deporte. Así, Moreda explicou que as obras pasaron a un segundo plano, e que en moitos casos «son descoñecidas para a veciñanza e os visitantes, polo que imos facer unha intervención de posta en valor deste espazo».
O concelleiro de Patrimonio Histórico indicou polo miúdo que a primeira fase, que se iniciará de xeito inmediato, recolle a limpeza das pezas e da súa contorna, amais dun tratamento especial anti graffiti, quedando a superficie preparada para posíbeis incidencias futuras e que estas poidan ser limpadas con maior facilidade. Estes traballos estaban previstos para esta mesma semana pero a aplicación deste produto non pode ser realizada con choiva.
A segunda fase inclúe un proxecto de reactivación no aspecto museístico da Illa do Covo, «reformulando a sinalética con paneis informativos que indiquen a posición das pezas, información sobre elas e a súa situación», sinala Moreda. Tamén será posíbel descargar unha serie de falangullos (podcasts) que servirán como unha especie de audio guía, nas que se escoitará información das pezas e algunhas curiosidades sobre as mesmas. Por último, tamén sería realizada unha guía didáctica para Educación Primaria que, xunto cos falangullos, poderán ser utilizados polo profesorado.
A limpeza das pezas e o acondicionamento da contorna contará cun investimento de preto de 35.000 euros.