O Ganapán continuará a deleitar aos rapaces máis lambóns esta fin de semana cunha proposta que inclúe deliciosas receitas de sobremesas típicas doutros países no seu Espazo Gastro. O programa de lecer infantil impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para nenos de 4 a 10 anos no Mercado de Abastos tamén ofertará interesantes obradoiros no seu Espazo Crea, no que os pequenos poderán amosar as súas destrezas coas manualidades.
Segundo explica a concelleira socialista Yoya Blanco, o programa de actividades dará comezo o sábado 5 de marzo “cun taller no que a rapazada poderá elaborar unhas saborosas torradas francesas recheas de chocolate e outro no que terán ocasión de celebrar o Ano do Tigre creando o seu propio felino”. Blanco indica que “para o domingo 6 de marzo están previstos un obradoiro no que os nenos e nenas volverán poñerse un mandil para cociñar uns dos doces máis aprezados en Xapón e os favoritos de Doraemon: uns dorayakis suaves e esponxosos que poden encherse con chocolate ou calquera outra crema”. “Esta mesma xornada desenvolverase unha actividade na que se confeccionarán variñas máxicas como as que usan as fadas e os magos nos contos”, sinala a edil de Promoción Económica.
Unha vez máis, os talleres realizaranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e todos aqueles rapaces interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración das actividades. Yoya Blanco recomenda aos participantes que porten unha friameira para levar a casa as receitas que cociñen.