Desenvolvemento Sostible remata os traballos de mellora no contorno do monumento aos Heroes de Ponte Sampaio e prepárase para acometer unha segunda fase de actuacións na cabeceira norte da Alameda

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de rematar os traballos de mellora e embelecemento dos xardíns da Praza de España. As obras, executadas en todo o contorno do monumento aos Heroes de Ponte Sampaio cun orzamento duns 3.500 euros, incluíron a eliminación de fochas, a limpeza de malas herbas e terróns en bordos, o recrecemento do pavimento de xabre e a súa nivelación, o pintado de arquetas e transformadores e unha exhaustiva limpeza das escaleiras da cabeceira norte do parque da Alameda, dotando de plantas as súas xardineiras de pedra.


Tal e como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “trátase dunha primeira fase de actuacións destinadas á mellora paisaxística do principal parque urbano de Pontevedra, que pretendemos estender a outros puntos do mesmo”. “A nosa intención é continuar os traballos nesta cabeceira norte, en todo o contorno de El Cafetín. Esta segunda fase suporá un investimento maior, que rondará os 8.000 euros, e terá como principal obxectivo, ademais da mellora xeral do pavimento, o de optimizar as condicións de drenaxe nos espazos que ocupan os alcorques das árbores”, avanza o edil do PSOE.

Compartir publicación: