Deportes respalda a nova campaña de crowdfunding posta en marcha pola SD Teucro sobre 4 eixos esenciais: cidade, club, empresas e persoas

  • A iniciativa de recadación de fondos estará activa ata as 12:00 horas do 31 de marzo e busca impulsar ao club e que o primeiro equipo conte cunhas melloras loxísticas para afrontar a segunda fase da División de Honra Plata Masculina
  • Cada grao abonado traducirase en beneficios que van de anuncios nos flyers dos partidos, no streaming ou nas redes sociais do Teucro ata fotos cos xogadores do primeiro equipo, obsequios do club azul e pases para o que resta de tempada

Darlle un impulso substancial ao club azul e lograr que o primeiro equipo conte cunha serie de melloras loxísticas que lle permitan afrontar en condicións a segunda fase da DHPlatamasc (Divisón de Honra Plata Masculina) son os principais obxectivos da nova campaña de crowdfunding posta en marcha hoxe pola SD Teucro baixo o nome de ‘4 eixos, 2 planos’. Unha iniciativa de captación que estará activa ata as 12:00 horas do 31 de marzo e que estará baseada nesas catro patas ou eixos que conforman a idiosincrasia dunha das escadras máis senlleiras do balonmán nacional: 1. Historia/Cidade, 2. Identidade/Club, 3. Diversidade/Empresas e institucións e 4. Carácter/Persoas e socios.

Deste xeito, a campaña, que conta co respaldo da Concellería de Deportes de Pontevedra, quere unir a empresas, institucións e persoas nun proxecto común, que non é outro que o de seguir avanzando da man e con paso firme con toda a estrutura do club. Así, neste crowdfunding, a medida que as entidades e cidadáns colaboradores fagan achegas económicas en cada eixo irán sumando graos (os prezos son de 350 euros para o eixo 1, de 250 para o 2, de 150 para o 3 e de 100 para o 4) que lles permitirán obter diversos beneficios.

Entre estes privilexios inclúense anuncios nos flyers dos partidos, no streaming ou nas redes sociais da SD Teucro, fotos cos xogadores do primeiro equipo, obsequios especiais do club e pases para o que resta de tempada.

A campaña de captación de socios foi presentada esta mañá no Concello nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a adestradora do Teucro, Irene Vilaboa; o voceiro da xestora Javier Domínguez; a encargada de Comunicación e Márketing do club, Laura del Castillo, e varios xogadores do equipo de DHPlatamasc (Joshua Rau, Miguel Sío, Martín Davila, Álex Pereiro e Alejandro Gómez). 

Tino Fernández fixo fincapé na importancia “deses 4 eixos que configuran a  inefable personalidade dunha institución que para moitos de nós vai bastante máis aló do meramente deportivo e é un auténtico sentimento: cidade/historia, porque a historia do Teucro é parte da historia de Pontevedra; club/identidade, xa que existe un compromiso co desenvolvemento dos deportistas; empresas/diversidade, posto que o Teucro non esquece xamais de onde vén e a quenes representan fóra da provincia, e persoas/carácter, porque o movemento e evolución de cada unha das persoas enriquece e axuda a crecer a este equipo”.

O tenente de alcalde lembrou que o Teucro “é o vicedecano do balonmán español e un club cunha profunda raíz nesta cidade, que respira todo tipo de deportes, pero sobre todo balonmán”. “Desde hai décadas, seguir ao Teucro é case como unha relixión, da que dou fe, xa que todo o mundo sabe da miña paixón por este equipo. Estamos nun importante da tempada e da vida do Teucro e coido que os cidadáns de Pontevedra lle debemos dalgún xeito moitas alegrías que nos deu, moitas tardes de triunfo, gloria e loita na pista. Debemos axudar a esta entidade nuns momentos que non son os mellores do mundo, pero que son momentos de pelexa e esta cidade sabe moito de pelexar, enfrontarse ás adversidades e saír delas a flote”, asegurou Tino Fernández.

A adestradora da SD Teucro amosouse ilusionada cunha campaña que ten “un nome moi significativo, ‘4 eixos, 2 planos’, e que non deixa de ser un punto de encontro entre tódolos compoñentes desta cidade”. Tal e como apuntou Irene Vilaboa, “estamos a pelexar en moitas facetas, non só na deportiva, na que por descontado nos imos deixar a pel até o final, senón tamén á hora de tomar as rendas nun proxecto de longo percorrido no que a cidade vai ter o protagonismo e co que pretendemos rearmarnos”. “Como adestradora -sinalou-, preciso que o noso club compita nas mellores condicións. É unha tempada complicada, pero ilusionante, e precisamos ese impulso para poder viaxar mellor e para que os nosos xogadores poidan competir como o resto de clubs. Este Teucro, e o quero dicir moi alto, está máis vivo que nunca”.

Laura del Castillo afirmou que o único obxectivo do Teucro “é acadar a unión, xuntar os máximos recursos posibles e avanzar xuntos”, unindo “empresas e institucións que sabemos que nos apoian” e a todas esas “persoas e socios que fan un esforzo cada fin de semana no Pavillón e que nunca nos deixaron sós, nin nas peores condicións”. Para conseguilo, esta campaña incluirá o desenvolvemento de varios eventos nos que os protagonistas non sempre van ser os xogadores, senón outras entidades e persoas que veñen colaborando de moitos xeitos.

Poden obter máis información sobre este proxecto de crowdfunding a través do seguinte enlace: https://teucro.es/4ejes/ 

Compartir publicación: