O deporte sen barreiras tomará mañá o contorno da Xunqueira e a Illa das Esculturas coa celebración do XXVII Campionato Galego de Campo a Través Adaptado

  • Un centenar de deportistas participarán no evento organizado pola Federación Galega de Deporte Adaptado en colaboración coa Concellería de Deportes de Pontevedra, cubrindo distancias de 3.200, 2.100, 1.500, 600 e 500 metros
  • As carreiras desenvolveranse entre as 11:00 e as 13:00 horas, en categorías masculina e feminina de competición, adaptada e xogo. O circuíto estará sinalizado e contará con voluntarios identificados, ambulancia e servizo médico

O deporte para todos e todas, sen barreiras, tomará mañá o contorno do parque da Illa das Esculturas e a Xunqueira da Gándara coa celebración do XXVII Campionato Galego de Campo a Través Adaptado, organizado pola Federación Galega de Deporte Adaptado en colaboración coa Concellería de Deportes. Un centenar de deportistas federados encadrados en clubs da Federación participarán neste evento entre as 11:00 e as 13:00 horas, nas categorías masculina e feminina de competición, adaptada e xogo, cubrindo distancias de 500, 600, 1.000, 1.500, 2.100 e 3.200 metros.

Os competidores distribuiranse por categorías do seguinte xeito: 5 en competición +15M (maiores de 15 anos) e 2 en competición con parálise cerebral, que percorrerán 3.200 metros; 3 en competición +15F e 25 en adaptado +15M, que deberán completar 2.100 metros; 8 en adaptado +15F, cunha distancia de 1.500 metros; 38 en xogo +15M e 20 en xogo +15F, cun percorrido de 600 metros, e un en xogo -15M (≤ 15 anos), que afrontará un itinerario de 500 metros. O circuíto estará axeitadamente sinalizado e contará con voluntariado identificado para colaborar, así como con ambulancia e servizo médico.

Os vestiarios do campo de herba sintética do Complexo Manolo Barreiro da Xunqueira estarán a disposición dos participantes entre as 9:30 e as 14:00 horas e tódolos deportistas terán avituallamento líquido e sólido (froita) na liña de meta ao remate da competición.

O Campionato de Campo a Través foi presentado esta mañá no Concello de Pontevedra nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e a secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado, Susana García Senra. O edil do PSOE asegurou que, de entre as numerosas actividades e eventos deportivos impulsados polo seu departamento, “poucas veces asisto a unha rolda de prensa tan emocionado como á de hoxe, porque seren capaces de colaborar para que tódalas persoas poidan facer deporte e participar nun campionato, nunha cidade que aspira a ser o máis inclusiva posible, é un motivo de orgullo e satisfacción”.

Tal e como subliñou Fernández, “Pontevedra ten un modelo que tende a favorecer a tódalas persoas”, permitindo que as persoas en cadeira de rodas poidan desfrutar da cidade e dos seus espazos públicos, “e no deporte queremos tamén facer todo o que estea nas nosas mans para que esa adaptación teña lugar e converternos tamén en referente no ámbito da inclusión”. Na súa opinión, “a Illa das Esculturas é un marco incomparable para calquera proba deportiva, no que organizamos competicións de alto nivel de disciplinas como o ciclocross e converterase nun escenario perfecto para desfrutar deste Campionato Galego de Campo a Través Adaptado, que estamos convencidos de que será un éxito”.

Susana García Senra lembrou que o último campionato destas características que se celebrou tivo lugar en Pontevedra en 2019, parando a súa actividade a partir dese momento por mor da pandemia, “e a verdade é que custou moitísimo volver comezar, porque case tódolos nosos deportistas teñen outras patoloxías e deben ter moito coidado, e de feito aínda nos está custando retomar a actividade”. “En 2019 participaron máis de 200 deportistas -apuntou a secretaria da Federación Galega- e nesta teremos 102, a metade. A meirande parte dos participantes nesta edición, o 99%, son discapacitados intelectuais, e temos unicamente dous con parálise cerebral ou dano cerebral adquirido. As categorías non van por idade, senón por grao de discapacidade: competición, adaptada e xogo (en función da adaptación das regras). En campo a través non se adaptan practicamente as regras e o que diferencia unha categoría doutra é a distancia que van correr”.

Os participantes proceden de toda Galicia, pero esencialmente da provincia de Pontevedra, representando a 12 clubs autonómicos (4 da Coruña e 8 da nosa provincia). Segundo indicou García Senra, “o deportistas serán recibidos ás 10:00 horas, realizando un percorrido para coñecer o circuíto de cada categoría, e as carreiras darán comezo ás 11:00 horas”, estando prevista a entrega de premios para as 13:00 horas.

Para a voceira da Federación Galega, “é importantísimo que todo o mundo poida practicar deporte”, xa que “a inclusión significa que as persoas con discapacidade poidan dispoñer de contornos e de medios para facer deporte adaptado como os que pertencen a calquera club convencional”.

Compartir publicación: