A Xunta esixiu novos informes, polo que o Pleno volverá a aprobar inicialmente o convenio urbanístico que permitirá liberar novas zonas verdes en Campolongo, completar a rúa Tablada ou conectar Rosalía de Castro con Manuel del Palacio.
O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda informou esta mañá que o vindeiro pleno municipal deberá volver a aprobar provisionalmente o convenio asinado entre o Concello de Pontevedra e o Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) que permitirá a ordenación urbanística dos espazos militares no barrio de Campolongo.
Este retraso na tramitación do convenio, unha demora estimada nuns 6 meses, débese á esixencia da Xunta de Galicia de solicitar dous novos informes ao convenio. Logo de ser achegados polo INVIED, o pleno está en disposición de volver a ratificar inicialmente o convenio, que volverá a saír a exposición pública, e ser aprobado definitivamente nun próximo pleno municipal.
En virtude deste convenio, o Concello recibe case 10.000 m2 de espazos públicos en Campolongo e case 4.000 m2 en Rosalía de Castro, así como un local de 367 m2 en Campolongo, completa a rúa Tablada, adecenta a fachada da rúa Rosalía de Castro e crea unha praza entre esta rúa e Manuel del Palacio. Ademais, o INVIED poderá construír arredor de 220 vivendas.
Pormenorizadamente, o convenio inclúe:
Na parcela de Campolongo (entre María Victoria Moreno e Xeneral Rubín)
- A modificación do uso residencial da parcela de tal xeito que o INVIED poida vender aos inquilinos as súas vivendas, así como construír dous novos edificios previstos dentro da parcela, que lle permitirá crear estacionamento soterrado de uso privado dos residentes, xa que os edificios carecen del. Os edificios serían de baixo máis 6 alturas máis aproveitamento baixo cuberta cunha edificabilidade 2.873 metros cadrados.
- Completar a rúa Tablada dándolle as aliñacións fixadas no Plan e dándolle saída cara María Victoria Moreno.
- A cesión de dunha vivenda e dun local do INVIED e a súa conexión, para convertelo en local municipal cunha superficie total de 367 metros cadrados.
- A apertura a uso público do viario, das zonas verdes e dos espazos libres existentes neste complexo residencial cunha superficie total de 9.963,25 m2.
No ámbito de Mollavao (Manuel del Palacio con Rosalía de Castro) está previsto: - A creación dunha praza pública aberta cara Rosalía de Castro, coa posibilidade de conectala cara Manuel del Palacio. A superficie de uso público sería de 3.848,70 m2.
- Derrube das edificacións actuais e permitir o aproveitamento de parte da parcela para a edificación dun edificio de baixo máis 5 e máis 6 pisos, que permitirá pechar a medianeira do edificio lindeiro cara Rosalía de Castro. A edificabilidade é de 1.596,21 m2.
- Recoñecer o uso educativo dunha porción de terreo, de aproximadamente, 116,37 metros cadrados, ocupado dende fai moito tempo polo centro de ensino lindeiro.
- Ademais dos acordos propiamente urbanísticos, a contía destinada á urbanización das dúas parcelas (que correría a cargo de Defensa) sería de 750.000 euros que se debera executar con anterioridade a que o Concello reciba e abra ao público as novas vías, prazas e zonas verdes, para que estes cumpran os estándares de calidade urbana municipais.